Luis López amosa o apoio da Xunta a ‘Mar de Santiago’ como novo produto turístico de alcance internacional vencellado ao Camiño de Santiago

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou hoxe na presentación do novo xeodestino da ría de Arousa e o río Ulla na feira de turismo Fitur en Madrid

“Ten un indubidable mérito a creación dun novo produto turístico de éxito, baseado na nosa historia e nas rutas xacobeas, nun mundo global no que parece que todo está inventado e agora só resta traballar arreo para a súa promoción”, manifestou

O representante autonómico salientou “as enormes posibilidades” do único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo tras alcanzar máis de 20.000 participantes no seu primeiro ano oficial de vida

Madrid, 20 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través do delegado territorial de Pontevedra, Luis López, amosou o seu apoio ao xeodestino Mar de Santiago, conformado polos concellos de Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures e Catoira, como novo produto turístico de alcance internacional vencellado ao Camiño de Santiago e ás rutas xacobeas durante o seu acto de presentación na feira de turismo Fitur, que se celebra ata o domingo no Ifema de Madrid.

“Ten un indubidable mérito a creación dun novo produto e espazo turístico de éxito, baseado ademais na nosa historia e nas nosas tradicións a partires da traslatio dos restos do Apóstolo a Santiago, nun mundo global no que parece que todo está inventando. Agora, tras o esforzo e o inxenio que amosaron na súa posta en marcha, só resta traballar arreo para a promoción desta proposta en torno á ría de Arousa e o río Ulla e para elo contarán coa decidida colaboración da Xunta de Galicia”, manifestou o representante autonómico.

O delegado territorial explicou que Mar de Santiago ten unha “importancia estratéxica”, xa que diversifica a ampla oferta turística de Galicia, reforza o Camiño de Santiago con aspectos relativos á súa orixe, pon en valor o potencial náutico e marítimo da nosa comunidade e configúrase como unha marca moi poderosa e atractiva.

Tras destacar os valores paisaxísticos, de lecer, culturais, históricos e gastronómicos deste xeodestino, salientou as súas “enormes posibilidades de futuro”, xa que se trata do único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo e tivo unha magnífica resposta no seu primeiro ano de funcionamento oficial, xa que máis de 20.000 persoas percorreron esta ruta na súa estrea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023