O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou o Alcampo do centro comercial vigués

A Xunta valora que o Alcampo de Vialia Vigo se converta no primeiro hipermercado autorizado para elaborar e vender a IXP Pan galego

Preto dunha vintena de panadarías están rexistradas nesta indicación xeográfica protexida, das cales tres están localizadas na cidade de Vigo

Grazas a esta autorización, o Alcampo pode elaborar e vender os catro tipos de pans que forman parte desta IXP: fogaza, bola, rosca e barra

Para a elaboración do Pan galego precísanse longos amasados e non leva nin conservantes nin aditivos

Vigo, 20 de xaneiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe o Alcampo do centro comercial Vialia Vigo, que acaba de converterse no primeiro hipermercado autorizado para elaborar e vender a indicación xeográfica protexida Pan galego. Preto dunha vintena de panadarías elaboran este produto con selo de calidade en toda Galicia, das cales tres están localizadas na cidade de Vigo.

 

Durante a súa intervención, José Luis Cabarcos puxo en valor a importancia de manter vivos os valores dos produtos alimentarios galegos con selo de calidade, que grazas á iniciativa de Alcampo -dixo- están un pouco máis cerca da xente.

 

Grazas a esta autorización, o hipermercado poderá elaborar e vender os catro tipos de pans autorizados baixo esta IXP: fogaza, bola, rosca e barra. Cómpre lembrar que a IXP Pan galego elabórase cun mínimo do 25% de fariña de trigo Caaveiro e outros trigos autóctonos de Galicia, masa nai e fluxos que garanten unha elaboración independente á do resto de pans.

 
Así, o Pan galego precisa de longos amasados, non leva nin conservantes nin aditivos e elabórase con masa nai de cultivo propio. As porcentaxes de hidratación que esixe este pan son elevadas e, ademais, conta con varios procesos de fermentación: a primeira en bloque unha vez que remata o amasado; a segunda faise por peza, unha vez dividida a masa; e a terceira nas bandexas de cocción antes de introducirse nos fornos de soleira refractaria, que dan lugar á formación dunha codia crocante e con acabado dourado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023