A 3ª Liga Territorial de Saltos Xogade 2023 amosa o crecemento da hípica galega que duplica as súas licencias dende 2009 e conta cun 73% de mulleres
O club hípico Cemar de Mondariz Balneario, a Escola de Equitación La Muralla en Redondela, o C.H. Equigalia en Tui, o Club Hípico JC de Mos, o Club Centro Ecuestre Atlántico en Santana (Pontecaldelas) e o C.H. Alazán en San Cosme (Vigo) serán os escenarios da Liga
O programa Xogade está a piques de recuperar as cifras prepandemia tras pechar a última tempada con máis de 120.000 mutualizados
Vigo, 20 de xaneiro de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou da man da Federación Galega de Hípica a terceira edición da Liga Territorial de Saltos Xogade 2023 que transitará polos principais clubs de hípica das Rías Baixas e na que competirán dous centenares de nenos e nenas de todas as idades. Lete Lasa destacou o crecemento da hípica galega que, dende 2009, case duplica as licencias federativas -contando hoxe con preto de 6.000- das que o 73% son femininas.
O mandatario galego destacou a importancia dun deporte como a hípica para os máis pequenos, “non só pola educación recibida no coidado dos animais, senón tamén noutros moitos valores como a igualdade xa que a hípica é a única disciplina olímpica na que mulleres e homes compiten entre si sen distinción dos participantes polo seu sexo”.
Lete Lasa lembrou que a igualdade é, precisamente, un dos obxectivos primordiais do programa Xogade que leva a actividade a todos os concellos e brinda aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Neste sentido destacou as súas categorías benxamín e alevín, nas que a maioría de equipos son mixtos, ou os Campionatos de España en Idade Escolar inclusivos. Un programa, dixo, que está a piques de recuperar as cifras prepandemia con máis de 120.000 mutualizados na última tempada.
Liga de Saltos
Tras o éxito da Liga Territorial de Saltos 2021 e 2022, a segunda edición constará de seis sedes. A primeira cita será o 29 de xaneiro nas instalacións do club hípico Cemar de Mondariz Balneario; o 12 de febreiro na Escola de Equitación La Muralla en Redondela; o 5 de marzo en C.H. Equigalia en Tui; o 30 de abril no Concello de Mos no Club Hípico JC; o 21 de maio no Club Centro Ecuestre Atlántico en Santana (Pontecaldelas) e a gran final será o domingo 8 de outubro no C.H. Alazán en San Cosme (Vigo).