A Xunta concede 184.000 euros ao Concello de Rois para a creación dun Punto de Atención á Infancia de 20 prazas

Finánciase mediante a orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e que creará máis de 450 novas prazas

Estas prazas serán gratuítas para todos os pais grazas a aplicación da gratuidade das escolas infantís aplicada pola Xunta

Rois (A Coruña), 20 de xaneiro de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 184.000 euros ao Concello de Rois para converter a antiga Escola Unitaria de Urdilde nun Punto de Atención á Infancia (PAI) de 20 prazas gratuítas para as familias.

Fabiola García, acompañada do alcalde, Ramón Tojo, visitou esta mañá a localización na que se emprazará o futuro PAI. Alí salientou a recuperación desta instalación para a posta en marcha dun novo servizo de calidade, que axudará a compaxinar a vida laboral e familiar aos veciños deste municipio e que incrementará nun 50 % a oferta da etapa educativa infantil.

Cómpre sinalar que esta axuda procede da orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e permitirá crear máis de 450 novas prazas de atención 0-3 anos en toda Galicia.

Ademais, a conselleira de Política Social e Xuventude puxo en valor as medidas que fan da nosa comunidade unha referencia en conciliación a nivel nacional. Deste xeito, subliñou actuacións como a gratuidade de todas as escolas infantís; a creación de 95 casas niño para levar a conciliación a concellos onde non existían estes servizos; e tamén mediante o Bono Coidado, que ofrece axudas para a contratación dun apoio extraordinario de conciliación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023