O Concello de Vilamarín leva mobilizado 1,15 M€ en obras de mellora do parque empresarial grazas ás axudas concedidas pola Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá o polígono de Tamallancos que realizou melloras na xestión de residuos e na seguridade

Xa está aberto ata o 2 de febreiro o prazo da nova convocatoria dos apoios para a mellora destas infraestruturas

Vilamarín (Ourense), 20 de xaneiro de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá o polígono de Tamallancos en Vilamarín (Ourense) para comprobar as obras de mellora realizadas nos últimos anos e que mobilizan 1,15M€ grazas ás axudas da Xunta. As dúas últimas actuacións foron a mellora de xestión de residuos, así como actuacións en materia de seguridade no acceso ao parque empresarial.

Estas obras enmárcanse na liña de axudas da Administración galega para impulsar a modernización de instalacións e servizos nos polígonos galegos co obxectivo de facelos máis competitivos e favorecer a implantación de novas empresas. Así, desde 2016 xa se executaron 17M€ en apoios.

Tal e como explicou Conde, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ten aberto o prazo, ata o 2 de febreiro, da nova convocatoria desta liña de apoios á que destina 2,1M€. Son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, e servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas poderán alcanzar os 120.000 euros por proxecto ou 138.000 no caso dunha solicitude conxunta de varios concellos -cada municipio poderá presentar dúas solicitudes de apoio-. Xunto con estas axudas seguirase avanzando na posta en marcha de viveiros industriais e no reforzo e extensión de redes de distribución eléctrica. Conde lembrou que na selección de proxectos seguirase tendo en conta se se trata dun Concello Emprendedor, como no caso de Vilamarín.

Data de actualización: 20/01/2023