A Xunta apoia a candidatura da Costa da Morte como destino Starlight nunha aposta pola excelencia turística baseada no coidado e aproveitamento do medio natural

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, defendeu en Fitur a certificación da zona como unha oportunidade para fomentar o astroturismo, unha modalidade de negocio sustentable e responsable cos recursos que se poden atopar no ceo galego

A través da exposición Costa da Morte, de camiño a ser destino Starlight nesta segunda xornada de Fitur en Madrid, Turismo de Galicia amosou a súa vontade de seguir traballando para converter a comunidade nunha potencia turística que aproveite as súas fortalezas adaptándoas ás demandas dos viaxeiros

Madrid, 19 de xaneiro de 2023 O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, defendeu hoxe en Fitur a candidatura da Costa da Morte como destino Starlight nunha aposta pola excelencia turística baseada no coidado e aproveitamento dos recursos naturais que dispón esta zona.

 

Así, Turismo de Galicia segue a apostar por converter a comunidade nunha potencia que aproveite as súas fortalezas para responder as demandas dos viaxeiros na actualidade, que buscan lugares abertos, pouco masificados e nos que estean rodeados por natureza, paisaxes e cunha ampla oferta de actividades.

 

Segundo destacou Trenor na presentación Costa da Morte, de camiño a ser destino Starlight, a certificación supoñería un recoñecemento a unha área que goza dunhas condicións excelentes para a contemplación dos ceos estrelados e protexidos da contaminación luminosa.

 

Do mesmo xeito, significaría un forte impulso á corrente do astroturismo en Galicia, unha modalidade turística sustentable e responsable cos recursos naturais. A ampla riqueza paisaxística e cultural da Costa da Morte, de man co seu patrimonio artístico, conforman un cadro ideal e de calidade para facer da zona un emblema de éxito turístico.

 

O Camiño, outro dos protagonistas en Fitur

 

Nesta segunda xornada de Fitur en Madrid, o stand de Turismo de Galicia en Ifema acolleu outras tres presentacións nas que o Camiño de Santiago foi o gran protagonista e nas que estiveron presentes, ademais de Gonzalo Trenor, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López.

 

Unha das exposicións que reuniu maior expectación foi a de Camiña comigo, onde se mostrou o potencial das rutas xacobeas como itinerarios a percorrer con mascotas. Ademais, nas presentacións Un mar de gracias e Até o fin, O Camiño de Santiago acaba no mar, púxose en valor o percorrido do Camiño entre Santiago, Fisterra e Muxía pasando polos concellos de Ames, Negreira, Dumbría, Cee e Corcubión  

 

Por outra banda, presentouse o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) das Fragas do Eume, un proxecto orientado a situar o turismo como motor de recuperación e impulso do tecido socioeconómico deste territorio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023