Arias destaca os bos datos turísticos na Mariña e o despegue do Camiño Norte no primeiro Xacobeo como Patrimonio Mundial

Madrid, 19 de xaneiro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no expositor de Galicia en Fitur na presentación da campaña “Descubre A Mariña lucense. Vive el Norte de Galicia”, organizada pola Mancomunidade de Concellos da comarca para promocionar o xeodestino.

Arias destacou os datos alcanzados entre xaneiro e novembro do pasado ano, cando se rexistraron na comarca mariñá 155.500 viajeros (case un 19% más que no 2021) e se incrementaron nun 17% as pernoctacións. Así mesmo, subliñou que o Camiño Norte ou da Costa “superou con nota o seu primeiro Xacobeo desde que foi declarado Patrimonio da Humanidade no 2015”; preto de 30.500 peregrinos elixiron esta ruta neste dobre Ano Santo.

O delegado instou a seguir apostando con decisión “polo noso modelo turístico, que protexe os nosos valores culturais e ambientais por riba doutros intereses, porque o tempo estanos dando a razón, poñendo en primeiro plano o turismo de experiencias, o turismo slow, o turismo de natureza que proporcionamos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023