O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou o último seminario de mellora das técnicas de produción de pataca

A Xunta clausura os seminarios de mellora das técnicas de produción da pataca en Xinzo de Limia

Os seminarios contaron con charlas e mesas redondas nas que participaron diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa

O obxectivo, tanto en Coristanco como en Xinzo, foi reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos, ao tempo que se busca establecer canles de cooperación entre produtores, entre outros fins

Xinzo de Limia (Ourense), 19 de xaneiro de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe a clausura do seminario de mellora das técnicas de produción da pataca que tivo lugar en Xinzo de Limia. As xornadas foron organizadas pola Consellería do Medio Rural e dividíronse en catro días de seminario -dous en Coristanco a principios de semana e outros dous en Xinzo- que rematan hoxe.

 

O obxectivos destes encontros foi o de reflexionar sobre as técnicas de cultivo de pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se buscou establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización. Ademais, cabe sinalar, que a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, comercializou no ano 2021 máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico de máis de 3 millóns de euros.

 

Así, os seminarios contaron con charlas e mesas redondas nas que participaron expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa. No primeiro día abordáronse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiaron experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e nas respectivas comarcas e visitaranse diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos.

 

Por outra banda, no segundo día tratáronse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ademais, houbo unha mesa redonda na que participaron produtores tanto da Bretaña como locais e posteriormente fíxose unha visita de estudo sobre o almacenamento e conservación da pataca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023