Galicia detecta catro casos da variante XBB.1.5 da covid

Dous dos casos foron detectados na área sanitaria da Coruña e os outros dous na de Pontevedra

Sanidade volve facer un chamamento á vacinación, e a tal efecto están habilitados puntos de vacinación en todas as áreas, incluíndo a fin de semana

É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

A Consellería de Sanidade detectou catro casos da sublinaxe XBB.1.5 do coronavirus en Galicia, dous deles na área sanitaria da Coruña e os outros dous na de Pontevedra. Ningún destes casos se atopa hospitalizado. A Dirección Xeral de Saúde Pública sinala que, coa información epidemiolóxica dispoñible, non se prevé que esta nova variante teña consecuencias máis graves que as variantes circulantes ata o momento.

 

Chamamento á vacinación

O departamento sanitario galego volve facer un chamamento á vacinación e sinala que, para a xente que aínda non teña posta a cuarta dose, hai 29.000 citas dispoñibles semanais para adultos e 1.100 para nenos e nenas no sistema de autocita, nos lugares e horarios que se poden consultar no seguinte enderezo:

 

É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar.

 

Galicia segue a ter as mellores taxas de España de vacinación. Así, é a primeira en porcentaxe de vacinación con doses de recordo en maiores de 80 anos, cun 86,31%; tamén na franxa de 70-79 cun 81,56%; e en 60-69, cun 71,48%.

 

Sinalar, así mesmo, que a nosa comunidade autónoma continúa a monitorizar a aparición de novas variantes grazas a que, no ano 2022, incrementouse a capacidade de secuenciación de Galicia a máis do triplo, secuenciándose preto de 13.000 mostras. Neste ano, cóntase con secuenciar de 500 a 700 mostras á semana.

Data de actualización: 19/01/2023