Luis López pon en valor “o enorme potencial e inmenso caudal natural” de Deza e Tabeirós como ‘destino verde’ de referencia en España

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou hoxe na presentación do xeodestino, impulsada pola ADR Terras de Pontevedra Norte, na feira Fitur en Madrid

“Estamos ante un dos territorios turísticos de natureza máis grandes do país e que ademais ten protexidos, polo seu incalculable valor, un de cada catro metros”, destacou

O representante autonómico estivo acompañado polo alcalde de Lalín e presidente da ADR, José Crespo, e polo xerente, Ramiro Ruibal, que proxectaron un novo vídeo promocional

Madrid, 19 de xaneiro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, puxo en valor o “enorme potencial e o inmenso caudal natural” das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes como Destino Verde de referencia en España durante a presentación deste xeodestino do interior pontevedrés na feira Fitur, que se celebra no Ifema de Madrid.

“Estamos ante un dos territorios turísticos de natureza máis grandes do país, con case 1.500 quilómetros cadrados, que ademais conserva unha gran pureza e riqueza medioambiental e paisaxística e no que se fixeron os deberes, xa que un cada catro metros está protexido polo seu incalculable valor. Por elo, Deza e Tabeirós ten un atractivo indubidable con moito percorrido a nivel nacional e, especialmente, europeo, xa que estes valores naturais son moi apreciados en todo o continente, polo que hai que seguir traballando para dalo a coñecer coa maior das intensidades”, destacou o representante autonómico.

Luis López estivo acompañado na presentación deste xeodestino como Corazón Verde de Galicia polo alcalde de Lalín e presidente da ADR, José Crespo, e polo xerente, Ramiro Ruibal, que fixeron unhas pequenas intervencións e tamén proxectaron un novo vídeo promocional, que contará con cápsulas de breve duración adaptadas para a súa difusión a través das redes sociais e outros formatos web.

O delegado territorial, que foi o anterior presidente desta ADR, apelou á subxectividade e á emotividade durante a súa intervención, “xa que pola miña responsabilidade pública a miña cabeza e o meu corazón están en toda a provincia, pero a miña alma é de Rodeiro e pertence ao Deza”, pero tamén garantíu e comprometeu o “absoluto apoio” da Xunta de Galicia para o desenvolvemento turístico desta contorna.

Ademais, tamén salientou que estes valores naturais destas dúas bisbarras “teñen ata a guinda do pastel, porque contan cun dos oitos monumentos naturais oficiais de Galicia, a Fraga de Catasós, que representa a historia, a tradición e o legado dos nosos bosques”.

“Deza e Tabeirós teñen mar, un inmenso mar verde cheo de pureza que hai que visitar alomenos unha vez na vida”, instou Luis López, antes de facer un percorrido polas principais iconas naturais e turísticas deste xeodestino e convidar a todos os presentes a asistir ao Mes do Cocido de Lalín, que comezou o pasado domingo e que se prolongará ata o 14 de febreiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023