A Xunta inviste 330.000 € na renovación de fiestras, luminarias e falsos teitos do colexio CEIP nº 1 de Tui

O obxectivo da actuación, enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, é acadar un mellor confort térmico interior e mellorar a eficiencia enerxética do edificio

Tui (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia investiu case 330.000€ na renovación das fiestras, luminarias e falsos teitos do colexio CEIP nº 1 de Tui. O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares, supervisou o resultado da actuación nunha visita realizada ao centro. O obxectivo da obra, que se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, foi acadar un mellor confort térmico interior e mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Para iso, instaláronse novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento con cámara de aire intermedia. O sistema de apertura é oscilobatente, batente e fixo, en función da situación de cada ventá. Nos casos nos que se inclúen as persianas, estas teñen caixón de aluminio illado e funcionamento mediante cinta.

Ademais, mudáronse as celosías de formigón prefabricado do peche das escaleiras por perfilería de fachadas lixeira con vidros dobres de seguridade con cámara de aire intermedia.

 
A maiores, substituíronse as actuais luminarias por unha novas de alta eficiencia enerxética, instaláronse equipos de regulación lúminica e de presenza e renováronse os falsos teitos dotando o centro duns paneis con características acústicas adecuadas a actividade que se desenvolve nel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023