A Xunta destaca en Fitur o papel da Ribeira Sacra e Termatalia como uns dos mellores exemplos do modelo turístico galego, sostible e de calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou os esforzos da Xunta para posibilitar un desenvolvemento turístico planificado e seguro, que implique á poboación e ao territorio na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico

Galicia destaca pola súa riqueza termal contando con todos os elementos para despuntar no Turismo de Saúde e Benestar

Nava Castro destacou que a sustentabilidade xunto coa calidade convertéronse en principios transversais de todas as estratexias turísticas desenvolvidas polo Goberno galego
 

Madrid, 18 de xaneiro de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou hoxe na Feira Internacional de Turismo, Fitur, o papel da Ribeira Sacra como o exemplo dun modelo de turismo sostible e de calidade pola súa paisaxe, patrimonio, historia, riqueza vitivinícola e termal. 

Sinalou que a Xunta mantén un férreo compromiso con este territorio Reserva da Biosfera que conforma un polo de atracción de viaxeiros cun crecemento indubidable nos últimos anos. Desta forma, explicou na súa intervención que este enclave natural demanda un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para posibilitar un desenvolvemento planificado que implique á poboación e ao territorio na creación de novos produtos e na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.  

Este plan da Xunta, segundo explicou, tradúcese en actuacións orientadas ao control e á diversificación de fluxos turísticos, así como á posta en marcha dunha mobilidade sustentable e respectuosa co entorno, aspectos clave desenvolvidos neste último ano polo Goberno galego.

 A directora de Turismo destacou ademais que a riqueza termal esténdese a todo o territorio, non so pertence á Ribeira Sacra, sendo Galicia “unha comunidade que conta con todos os elementos para despuntar aínda máis no Turismo de Saúde e Benestar”. 

Durante a súa intervención nomeou as 300 captacións termais, así como os 21 balnearios que permiten manter a Galicia no liderado coa Q de Calidade Turística. Tamén fixo fincapé na lei de aproveitamento lúdico das augas termais que o Goberno galego regulou de forma pioneira en toda España.   

Galicia conta con medidas para o impulso de este turismo como reflicte o Plan Termal 2014-2020, o Plan de Sostibilidade Turística Ourense Termal (1,3 M€) ou o Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino 2023-2026, financiado con fondos Next Generation.  

Segundo sinalou a titular de Turismo na súa intervención, “sabemos que xunto co Camiño e a nosa gastronomía, o noso patrimonio e cultura, o turismo termal é un activo singular” e destacou que tanto este como o patrimonio da Ribeira Sacra son “puntais que encaixan á perfección co modelo de calidade, seguro, natural e de espazos abertos que despunta con forza actualmente”. 

Camiño de Inverno 

A Ribeira Sacra acolle dous itinerarios do Camiño de Santiago, o Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial e que cruza o territorio na súa área norte, atravesando os municipios de Paradela e Portomarín, e o Camiño de Inverno, cun interese e número de peregrinos continúa en aumento.  

Nesta liña, os delegados territoriais da Xunta en Lugo, Ourense e Pontevedra participaron hoxe na presentación de ‘Proxectos paso a paso’, organizado pola Asociación Municipios do Camiño de Inverno a Santiago

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023