A directora xeral de FP sinala o Centro Integrado A Farixa como un referente nestas ensinanzas e destaca a súa aposta pola FP dual

O centro oferta este ano tres proxectos distintos nesta modalidade

Eugenia Pérez visita o espazo de tecnoloxía aplicada do CIFP, dotado cos recursos tecnolóxicos máis avanzados para o alumnado de Actividades Físicas e Deportivas

Ourense, 18 de xaneiro de 2023 A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa, un centro que sinalou como un referente nestas ensinanzas. Na súa visita, coñeceu o espazo de tecnoloxía aplicada, un dos 14 seleccionados na convocatoria da Consellería de Educación de 2022 entre as 57 propostas presentadas polos centros educativos.

 

Tal e como explicou a directora xeral, cada un destes proxectos recibiu 55.000€ para a conversión dunha aula tradicional nun espazo de tecnoloxía aplicada relacionado cos sectores produtivos de distintas familias profesionais. Estes 14 novos espazos veñen a sumarse aos 13 espazos de tecnoloxía aplicada financiados na convocatoria anterior.

 

Laboratorio tecnolóxico de adestramento deportivo é o proxecto do CIFP A Farixa, unha aula que conta cunha zona de análise de datos con equipos para a medición de parámetros físico-deportivos e unha zona integrada no propio pavillón do centro para a realización de diferentes actividades.

 

Entre o material co que contan destaca un analizador metabólico PNOE, que fai observación metabólica e avaliación do rendemento físico e o esforzo, o que proporciona un estudo en profundidade de problemas cardíacos, pulmonares, musculares e neuromusculares; un transmisor ECG S-PATH3, que supervisa o rexistro da actividade do corazón do paciente para o posterior exame da súa frecuencia e ritmo a distancia ou unhas gafas de realidade virtual con software de simulación de actividades físicas e deportivas.

 

Preparados para a inserción laboral

A representante da Xunta de Galicia destacou a calidade do equipamento co que contan os centros que imparten ensinanzas de FP, o que permite ao seu alumnado acadar a máxima cualificación. “No caso deste espazo de tecnoloxía aplicada, estamos a falar dos

recursos tecnolóxicos máis avanzados para que o alumnado dos ciclos da familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas poida formarse no seu uso e estar preparado para a súa inserción laboral nun sector en auxe, unha tecnoloxía innovadora e única en Galicia”, dixo. Ao mesmo tempo, con este equipamento dáse servizo a empresa colaboradoras no módulo de formación en centros de traballo.

 

Aposta pola FP dual

Durante a visita a directora xeral interesouse tamén polo funcionamento do ciclo de grao superior de Termalismo e benestar na modalidade Dual, que se implantou por primeira vez en Galicia neste centro no curso 2020/21 e do que este curso se ofertou unha nova edición, con 33 prazas.

 

Así mesmo, destacou a aposta pola FP Dual na Farixa, onde este ano se ofertaron tamén outros dous proxectos destas características: o de Enerxías renovables, con 12 prazas, e a Dobre titulación en Axencias de viaxes e xestión de eventos e en Guía, información e asistencia turísticas e oferta parcial de Xestión de aloxamentos turísticos, con outra ducia de postos escolares. Todo eles impártense coa colaboración de empresas do sector que facilitan a súas instalacións e a súa experiencia para complementar a formación adquirida no centro educativo.

 

Coa finalidade de establecer novos proxectos nesta modalidades para o vindeiro curso, no transcurso da visita da directora xeral celebrouse unha reunión de traballo con empresas do sector do termalismo e das actividades físicas e deportivas.

 

Data de actualización: 18/01/2023