A delegada territorial, Martina Aneiros, participou nas presentacións ‘Un destino de anfitriones’ e Abanca Pantín Classic, nesta última co secretario xeral para o Deporte

A Xunta presenta en Fitur as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal como referente do turismo slow en Galicia

A través dun convenio coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol valorado en 54.000 euros, o Goberno galego financia accións concretas para a promoción do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas no que no último ano se rexistrou un incremento da ocupación do 41%

Aneiros destacou o Pantín Classic como exemplo da importancia “de especializar e diversificar a oferta turística de Galicia” e de aproveitar os recursos para desestacionalizar a demanda

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, lembrou que a proba de surf ofrece nesta edición os eventos de maior calidade que se poden ver en Europa coa estrea da categoría QS 3.000

Madrid, 18 de xaneiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta tarde na xornada inaugural da 43ª Feira Internacional de Turismo, Fitur, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal como referente do turismo slow en Galicia, un produto turístico que conta co respaldo da Xunta de Galicia.

“Ferrolterra, Eume e Ortegal son un referente no turismo slow potenciado por aloxamentos e servizos enfocados a este sector pioneiro en Galicia e concretamente no xeodestino Ferrolterra-Rías Altas”, indicou a delegada territorial. Natureza e sustentabilidade abandeiran esta proposta turística “sen presas e chea de actividades para fundirse co entorno”, sinalou.

O turismo slow é un produto dirixido a “un turista consciente que se despraza usando os medios máis ecolóxicos e opta por aloxamentos sostibles, non soamente desde o punto de vista medio ambiental senón tamén social e cultural”, lembrou a delegada territorial, “e no que ten especial peso a figura dos anfitrións”.

A Xunta ten asinado un convenio coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para a promoción do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas no que no último ano se rexistrou un incremento da ocupación do 41%, chegando a alcanzar os 150.724 viaxeiros aloxados ata o pasado mes de novembro, e 344.600 noites, o que se traduce nunha estadía media de 2,2 días por visitante.

A través deste convenio valorado en 54.000 euros, a Xunta financia accións concretas encamiñadas á creación e consolidación do produto turístico no xeodestino que van desde o ámbito web a outras sobre o terreo, por exemplo, a promoción do patrimonio indiano, a sinalización de roteiros, a accesibilidade, actividades como o surf ou a potenciación do mencionado selo de Turismo Slow.

Abanca Pantín Classic, máis cun evento deportivo

Durante a xornada inaugural, a delegada territorial participou tamén xunto ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, na presentación do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, unha celebración que cumpre 36 anos e que se ten convertido en moito máis cun evento deportivo.

“Desde a Xunta insistimos na importancia de especializar e diversificar a oferta turística de Galicia e de aproveitar os nosos recursos para desestacionalizar a demanda, e podemos comprobar como un grupo de entusiastas do surf leva apostando por esta mesma liña de traballo xa desde hai tantos anos”, puntualizou Martina Aneiros durante a súa intervención.

A delegada territorial puxo en valor o apoio da Xunta, a través de Turismo de Galicia, ao evento declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. “O Abanca Pantín Classic permite situar a Galicia como unha das capitais do surf, ademais de contribuír á promoción da nosa Comunidade como destino turístico ideal para eventos deportivos de primeiro nivel”, concluíu Aneiros.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou o Pantín Classic como "unha das mellores probas de surf do mundo que cada ano é máis importante, mellor valorado, máis internacional, máis inclusivo, máis igualitario e máis coñecido".

 
Neste sentido, lembrou que nesta edición ofrece os eventos -tanto masculino como feminino- de maior calidade que se poden ver en Europa coa estrea da categoría QS 3.000. Lete Lasa destacou o traballo do surf galego na base e amosou a súa esperanza de que saian grandes deportistas olímpicos do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) inaugurado o pasado marzo en Nigrán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023