A Xunta aposta en Fitur por seguir potenciando a ruta Traslatio como un produto turístico de calidade baseado no Xacobeo, a natureza e no contacto coa poboación local
Trenor participou na presentación do Plan de sostenibilidade turística da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e afirmou que estamos ante o mellor exemplo de que cando se traballa en equipo, cuns obxectivos claros é posible potenciar novos espazos turísticos
O representante do Goberno galego puxo en valor o esforzo da Mancomunidade de Ordes para consolidarse como un xeodestino propio para xerar riqueza nos seus municipios
O delegado da Xunta sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as excelentes cifras do ano pasado en Galicia
Madrid, 18 de xaneiro de 2023
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na ponencia Barbanza Arousa, a emoción de descubrir dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe mércores e que rematará o domingo 22 de xaneiro.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou cun gran éxito a celebración do Xacobeo 21-22 froito da nosa versión máis galega da prudencia e da sensatez e nese éxito xogou una papel fundamental a provincia da Coruña porque foi a que liderou este espectacular ano”. Neste senso, sinalou que a innovación, a calidade e a excelencia teñen que seguir sendo a folla de ruta para consolidar as boas cifras do ano pasado en Galicia e máis concretamente nesta comarca.
O representante do Goberno autonómico puxo en valor “o excelente traballo do xeodestino de Barbanza Arousa para ofrecerlle ao visitante todo o que pode descubrir neste territorio”.
Neste senso, apuntou que “unha das mellores novas destes días foi a confirmación de que os portos deste xeodestino recibirán 1,3 millóns de euros para potenciar a ruta marítima Traslatio o que lles permitirá renovar e melloras as súas infraestruturas dentro do Plan do Xacobeo Next Generation, que conta para toda Galicia con 39 millóns de euros”. Trenor sinalou que “actuacións coma estas contribuirán decididamente no proceso de reactivación dos viaxeiros, que valoran produtos turísticos como os que se ofertan neste destino, baseados na natureza, o contacto coa poboación local e a calidade”.
Trenor rematou a súa intervención subliñando que “a colaboración entre administracións e o sector turístico sitúanos no camiño correcto para fortalecer a marca turística do Barbanza como parte esencial da marca Destino Galicia” e apuntou que “para lograr este obxectivo esta mancomunidade conta coa Xunta de Galicia”.
Reserva da Biosfera As Mariñas coruñesas
Mancomunidade de Ordes
Trenor recalcou ademais que “o Camiño Inglés converteuse por dereito propio nun alicerce fundamental sobre o que se está construíndo a identidade turística desta mancomunidade. É un dos itinerarios que avanzou de maneira inequívoca gañando peso e popularidade entre os peregrinos e situouse como un roteiro atractivo para o que quere facer un Camiño diferente”.