O Hospital Universitario de Pontevedra conta coa primeira unidade acreditada a nivel nacional para consulta monográfica de trastornos do movemento

O recoñecemento do Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento da SEN sitúa este centro como hospital de referencia

A Consulta de Trastornos do Movemento do CHUP atendeu preto de 500 pacientes no 2022 e realiza arredor de 1.000 atencións cada ano

Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en incorporar, no ano 2020, o tratamento do tremor con ultrasons (HIFU) no seu servizo público de saúde

Pontevedra, 18 de xaneiro de 2023

A consulta monográfica de Párkinson e outros trastornos do movemento do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu hoxe a acreditación de calidade que concede o Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento da Sociedade Española de Neuroloxía -SEN-. Trátase dun recoñecemento á excelencia desta consulta monográfica e dunha distinción que sitúa a este centro sanitario como hospital de referencia e que recoñece a calidade asistencial desenvolvida polo servizo do centro sanitario público pontevedrés.

A mesa inaugural do acto de entrega desta acreditación contou, no hospital Provincial, coa participación do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, o xefe do servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, Manuel Seijo, o xerente nacional da biofarmacéutica AbbVie, Alberto Ramos, e a presidenta da asociación provincial de párkinson de Pontevedra (Apropark), Begoña Cerqueiro.

 

Durante o acto, a neuróloga Iria Cabo -responsable de presentar a historia e a documentación da consulta monográfica do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra- recibiu a certificación de calidade da man do conselleiro de Sanidade, acompañado do doutor Diego Santos, coordinador do Programa de Acreditación da Sociedade Española de Neuroloxía para consultas monográficas de trastornos do movemento, unidades de trastornos do movemento e unidades de trastornos do movemento médico-cirúrxicas. Trátase dun proxecto desenvolvido e impulsado polo grupo de estudo de trastornos do movemento desta Sociedade, que conta co apoio da biofarmacéutica AbbVie.

 

O programa recoñece ás unidades que tratan pacientes con Párkinson

O obxectivo deste programa de acreditación da Sociedade Española de Neuroloxía é recoñecer a aquelas unidades clínicas que tratan pacientes con enfermidade de Párkinson e aseguran a mellor prestación asistencial. A acreditación destas unidades avalía aspectos coma a seguridade do paciente, a humanización da atención, a xestión da tecnoloxía ou o enfoque e xestión do risco. Isto implica que, entre os principais motivos para levar a cabo un proceso de acreditación, estea o de garantir aos usuarios un servizo de saúde en condicións óptimas de calidade, humanización e efectividade, o que redunda nas condicións de vida dos usuarios.

 

Para optar a esta acreditación requírese realizar unha auditoría interna exhaustiva de cada unidade co obxectivo de identificar aspectos de mellora e levar a cabo accións que corrixan deficiencias, repercutindo, finalmente, nos pacientes e no establecemento dunha relación de confianza sobre os resultados que se alcancen cos procesos asistenciais e administrativos.

 

O doutor Diego Santos, representante da Sociedade Española de Neuroloxía neste acto de entrega, sinalou que “no proceso de acreditación audítanse aspectos como os recursos dispoñibles, o nivel de preparación dos profesionais, estratexias de atención ou resultados da propia atención. En definitiva, trátase de analizar todos os puntos que repercuten positivamente nunha mellor asistencia, que é o que todos buscamos”. Ademais, engadiu que “coma profesional médico, obter a acreditación é un proceso moi traballoso, en certo xeito un reto, e está moi claro que sempre hai un beneficio a todos os niveis”.

 

Oportunidade de autoanálise e aprendizaxe da consulta

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade indicou que o camiño ata conseguir esta acreditación “supuxo unha aprendizaxe”, e axudou ao equipo a “optimizar aspectos vencellados á calidade, a seguridade, formación e docencia”. Así mesmo, Comesaña insistiu en que serviu para “reforzar unha cultura de seguridade e calidade, que ten unha repercusión directa na mellora dos procesos e nos resultados da atención ao paciente”.

 

Ademáis, o conselleiro de Sanidade lembrou que no ano 2020, “o Sergas converteuse no primeiro sistema público de saúde de España, e un dos primeiros de Europa, en contar coa tecnoloxía máis avanzada no tratamento contra o párkinson e o tremor esencial ao incorporar un equipo de ultrasóns de frecuencia focalizado (HIFU) que amosa o noso compromiso coa mellora das condicións de vida destes pacientes”.

 

A doutora Iria Cabo, responsable da CTM afirmou que “na consulta monográfica centramos a atención no paciente e o seu coidador. Afrontamos este ano con moitas ganas de iniciar novos proxectos, de seguir crecendo, seguir formándonos, e ofrecer aos nosos pacientes a mellor atención posible.”

 

Sobre a enfermidade de Párkinson

A enfermidade de Párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta ao sistema nervioso de xeito crónico e progresivo. É a segunda enfermidade máis predominante na actualidade tras o Alzheimer e pertence aos chamados Trastornos do Movemento. A súa etioloxía segue a ser descoñecida e multifactorial. A súa prevalencia é aproximadamente dun 0,3% na poboación xeral, chega ao 2% en maiores de 60 anos e é superior ao 4% en maiores de 80, cunha incidencia de 8 a 18 casos por cada 100.000 persoas ao ano.

O seu diagnóstico na actualidade é exclusivamente clínico, e precisa de revisións periódicas para a súa confirmación e para descartar -coa aparición de síntomas atípicos- a posibilidade dalgún outro tipo de parkinsonismo dexenerativo. O seu tratamento debe ser sobre todo personificado, atendendo ás situacións persoais, familiares, laborais e sociais de cada paciente, e por outra banda, multidisciplinar, no que deben intervir outros profesionais dependendo da progresión da enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023