A Xunta declara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Castelaus, no concello de Calvos de Randín

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 424 propietarios e afecta a unha superficie total de 661 hectáreas

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de declarar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Castelaus, no concello ourensán de Calvos de Randín.

 

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta a unha superficie de 661 hectáreas distribuídas en 1.436 predios de substitución cunha superficie media por leira de 4.640 m², fronte aos 607 m² de superficie media das 10.897 parcelas iniciais. Esta mellora, que beneficia 424 propietarios, permítelles ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción.

 

Tras esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade.

 

Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 17 millóns de euros.

Data de actualización: 18/01/2023