A Xunta destaca en Fitur o valor de Galicia como destino enogastronómico de excelencia baseado na sostibilidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en dúas presentacións levadas a cabo na Feira Internacional de Turismo: “Galicia ao natural” e “Galicia destino sostible: un turismo comprometido”.

Galicia conta cun stand en Fitur de máis de 1.000 metros cadrados

O stand galego conta cunha intérprete de signos para promover a accesibilidade
 

Madrid, 18 de xaneiro de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inagurou esta mañá o máis de medio cento de presentacións que terán lugar no stand de Galicia en Fitur, dende hoxe ata o venres.

 O stand galego acolleu a presentación de “Galicia ao natural” e “Galicia destino sostible: un turismo comprometido”, e contou coa presenza dos delegados territoriais da Xunta da Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra; do presidente do Clúster de Turismo e de alcaldes de diversos concellos e profesionais do sector turístico.
 
A directora de Turismo salientou a potencialidade do destino Galicia e expuxo que na actualidade, a comunidade está a vangarda do que se está a demandar no eido turístico, que son lugares abertos e en contacto coa natureza.
 
Neste senso, tamén fixo fincapé na aposta do goberno galego xunto ao Clúster por impulsar Galicia como un destino referente de turismo sostible, dando lugar á creación do Clube de Produto Galicia Destino sostible, onde se integra toda a oferta turística sostible e se busca a mellorar a competitividade neste campo.
 

Tamén indicou Castro a forte aposta do Goberno galego pola enogastronomía. Así, destacou que a enogastronomía, baseada na calidade da materia prima do produto local e da súa cociña, forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia, da súa identidade como territorio e do seu estilo de vida, polo que resulta un recurso para situar a Comunidade como un destino enogastronómico de primeiro nivel no mapa da excelencia cunha oferta adaptada ás novas realidades dos viaxeiros.  

A nova edición da Feira internacional de Turismo, máis coñecida como FITUR, ten lugar do 18 ao 22 de xaneiro de 2023 no recinto feiral IFEMA MADRID. Un encontro que se desenvolve durante cinco xornadas e acolle nun mesmo espazo tanto a profesionais do sector do turismo como a interesados nas últimas tendencias do sector, así como ao público xeral interesado en coñecer os destinos ofertados que pode visitar a feira durante a fin de semana. A edición 2023 conta con Guatemala como país socio e a presenza da oferta turística de máis de 130 países. 

Galicia conta cun stand de máis de 1.000 metros cadrados para poñer en valor a Galicia. Dende hoxe e ata o venres, nestes tres días de profesionais, na caseta de Galicia celebraranse 54 actos relacionados coa presentación de recursos, produtos e novidades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023