O conselleiro do Medio Rural compareceu hoxe por videoconferencia co seu homólogo do Goberno cántabro, Guillermo Blanco

A Xunta valora a adhesión de Cantabria á aplicación Contaláctea de cálculo de custos de produción que permite mellorar a negociación dos prezos do leite

A adscrición de Cantabria a esta ferramenta informática plasmouse nun convenio de colaboración asinado coa Xunta, que ten como obxectivo facilitar que os gandeiros cántabros poidan beneficiarse tamén das súas múltiples vantaxes

José González puxo en valor que Contaláctea é unha aplicación gratuíta, sinxela, accesible e manexable, que se enmarca na Estratexia de dinamización do sector lácteo

Lembrou que a Xunta lle ten pedido en reiteradas ocasións ao Goberno Central que recoñeza esta aplicación como unha fonte de datos de consulta pública, de acordo coa normativa vixente, para que sexa un referente na negociación dos prezos do leite

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

A Xunta valora a adhesión de Cantabria á aplicación Contaláctea, impulsada polo Goberno galego para facilitar o cálculo dos custos de produción aos gandeiros de leite. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, ao seu homólogo cántabro, o consejero de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Guillermo Blanco, con quen compareceu esta mañá por videoconferencia. Na presentación tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

 

O conselleiro explicou que a adscrición do Goberno de Cantabria a esta ferramenta informática plasmouse nun convenio de colaboración asinado coa Xunta, que ten como obxectivo facilitar que os gandeiros cántabros poidan beneficiarse tamén das múltiples vantaxes que ofrece este instrumento online.

 

Trátase, lembrou González, dunha aplicación gratuíta, sinxela, accesible e manexable, que se enmarca na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Esta planificación, remarcou o conselleiro, desenvolveuse por parte da Xunta en estreita e intensa colaboración cos axentes deste eido produtivo.

 

Xestión empresarial

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que Contaláctea ten como principal obxectivo fomentar a xestión empresarial das explotacións e facilitar os gandeiros un poderoso instrumento para mellorar a súa posición nas negociacións do prezo do leite. Así, González recordou que a aplicación ofrece aos produtores a posibilidade de controlar os investimentos e os custos de produción, de forma que poidan calcular canto lles custa producir un litro de leite e, o máis importante, a que prezo se debe vender.

 

O conselleiro destacou ademais que esta ferramenta -elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega- ofrece a posibilidade de emitir unha conta de resultados completa e un informe pensado, precisamente, para ser empregado polos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria. Este informe, resaltou González, “cumpre e respecta os estándares da normativa contable nacional e polo tanto o cálculo dos custos de produción a través de Contalátea acredita eses valores”.

 

Ademais, trasladou que a Consellería do Medio Rural sacou, dentro da liña de apoio ás entidades de asesoramento, una axuda adicional para aquelas que asuman a xestión da Contaláctea de determinadas explotacións, co fin de xeneralizar o uso desta aplicación no sector.

 

Nesta liña, José González sinalou que se trata de conseguir que se cumpra a lei, de tal forma que o prezo percibido polo gandeiro non sexa inferior ao custo de produción. E lembrou que a Xunta lle ten pedido en reiteradas ocasións ao Goberno Central que recoñeza esta aplicación como unha fonte de datos de consulta pública, de acordo coa normativa vixente, para que sexa un referente na negociación dos prezos do leite.

 

Incorporar máis comunidades

Por este motivo, o conselleiro agradeceu especialmente a implicación de Cantabria nesta iniciativa e comprometeuse a seguir traballando para incorporar más comunidades autónomas a esta liña de actuación. A maiores, José González incidiu en que a propia posta en marcha da Estratexia sectorial e de Contaláctea favoreceu a tendencia de incremento dos prezos rexistrada en Galicia nos últimos meses.

 

Así, o conselleiro salientou que os prezos percibidos polos gandeiros galegos incrementáronse en case un 65 % desde novembro de 2021 e que o aumento supera o 75 % se comparamos este dato co de novembro de 2020. Cara o futuro, ao abeiro da devandita Estratexia, González avanzou que a Xunta continuará traballando no fortalecemento e profesionalización do sector, na mellora da súa rendibilidade e na defensa e potenciación da calidade dos produtos lácteos galegos. Farao, resumiu, a través dos cinco grandes eixos que marca este documento: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor e a formación e innovación.

 

Precisamente en materia formativa, o conselleiro puxo en valor a iniciativa da Xunta de desenvolver cursos de formación empresarial para os gandeiros e que ademais se impartan por escolas de negocio. Consideramos -dixo González- que “o gandeiro é un empresario como calquera outro” e por iso se impulsou esta formación específica. Neste sentido, ofreceu a experiencia acumulada por Galicia neste eido para trasladala tamén, se así se considera, a outras comunidades de vocación leiteira, caso de Cantabria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023