A Xunta subliña que a Unidade Mixta da EDAR de Bens posiciona Galicia como un referente en proxectos que combinan a xestión de residuos coas renovables

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nunha xornada sobre este proxecto, que ten capacidade para cubrir as necesidades enerxéticas anuais de preto de 2.800 vivendas e abastecer unha frota de 3.000 turismos ou máis de 60 buses urbanos


A iniciativa, xunto cunha Unidade Mixta previa que sentou as bases da actual, supón un investimento total de 6,3M€, cun apoio de 1,9M€ por parte da Administración autonómica

 

Este ano vanse mobilizar 24,5 millóns de euros para apoiar seis novas Unidades Mixtas e tres centros de investigación empresarial
 

A Coruña, 17 de xaneiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que a Unidade Mixta de gas renovable, na que colaboran Naturgy, EnergyLab e a EDAR de Bens, co apoio da Xunta, posiciona Galicia como un referente en proxectos que combinan a xestión de residuos co desenvolvemento de enerxías renovables.

Segundo o vicepresidente económico, trátase dunha aposta clara polo talento e permite á estación depuradora coruñesa dar un salto cara á consideración de biorrefinería. Conde resaltou así mesmo a colaboración público-privada neste proxecto e a aposta pola transferencia de coñecemento.

O proxecto, grazas ao módulo de inxección de gas renovable á rede xa instalado, ten capacidade para cubrir as necesidades enerxéticas anuais de preto de 2.800 vivendas e abastecer unha frota de 3.000 turismos ou máis de 60 buses urbanos. Así, permite xerar enerxía limpa para os fogares, a industria e os novos modelos de mobilidade urbana.

A Unidade Mixta de gas renovable, xunto cunha Unidade Mixta previa que sentou as bases da actual e na que colaboraron Naturgy e EnergyLab, supón un investimento total de 6,3 millóns de euros, cun apoio de 1,9 millóns de euros por parte da Administración autonómica, a través da Axencia Galega de Innovación.

A iniciativa forma parte do programa de Unidades Mixtas, co que este ano se van mobilizar 24,5 millóns de euros para apoiar seis novas Unidades Mixtas e tres centros de investigación empresarial. O obxectivo é desenvolver proxectos de I+D+i de alto impacto, xerar emprego cualificado, impulsar a transferencia de coñecemento á industria e captar investimentos. Desde a posta en marcha do programa en 2014, son 39 empresas e 14 centros de coñecemento os que levan participado nesta iniciativa impulsada pola Administración autonómica, con arredor de 650 postos de traballo vinculados.

Data de actualización: 17/01/2023