A Xunta trasládalle ao concello de Lugo o inicio da tramitación urbanística da estación de autobuses intermodal, cun investimento autonómico de 13,6 M€

A Xunta tramitará o proxecto da nova estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, que permitirá acurtar os prazos do procedemento


Prevese asinar proximamente o convenio entre a Xunta, o Concello e Adif para acometer a área de transporte intermodal, cun investimento global de máis de 49,2 M€
 

A Xunta executará a nova terminal de autobuses, distribuída en dous andares: un a cota de dársenas, coas zonas de atención a viaxeiros e a cafetería, e un superior para usos administrativos
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

A Xunta vén de comunicarlle ao Concello de Lugo o inicio da tramitación urbanística para executar a nova estación de autobuses intermodal da cidade, que suporá un investimento autonómico de 13,6 M€.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiulle ao Concello de Lugo unha carta na que lle notifica o comezo deste procedemento que permitirá avanzar cara á construción da nova terminal de autobuses da intermodal.

 

Esta actuación, que inclúe a construción dun aparcadoiro subterráneo que tamén executará a Xunta, tramitarase segundo o establecido na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, que permitirá acurtar os prazos do procedemento.

 

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou o pasado 29 de decembro, ademais desta tramitación urbanística, a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Lugo e Adif para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo, que suporá un investimento global de máis de 49,2 M€.

 

A sinatura deste acordo entre as tres administracións para o desenvolvemento da estación intermodal da cidade está prevista para os primeiros meses de ano.

 

O Goberno galego construirá a nova estación de autobuses, para o que xa conta co proxecto redactado e asumirá a totalidade do seu financiamento.

 

A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous andares. Na cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos no que se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

 

O proxecto inclúe 23 dársenas que se disporán ordenadas lonxitudinalmente ao longo dunha plataforma que permite optimizar os percorridos dos viaxeiros que accederán desde a terminal.

 

En canto aos accesos, os autobuses dirixiranse ao interior da estación desde a glorieta que ordena a confluencia de tráfico procedente das rúas Paradai de Arriba, Paradai de Abaixo, avenida Infanta Elena e rúa do Conde e que dan acceso á parcela desde un dos extremos para permitir unha circulación no sentido das agullas do reloxo.

 

Os viaxeiros accederán pola planta baixa desde o espazo público de articulación do paso de cidade coa terminal de ferrocarril, tanto cara ao norte como o sur.

 

Este proxecto será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 e que se prevé asinar nos primeiros meses de 2023.

 

Área intermodal

No marco do proxecto da estación intermodal de Lugo habilitarase un aparcadoiro subterráneo, cuxo proxecto debe redactar o Adif, aínda que as obras serán executadas pola Xunta, conxuntamente coa estación de autobuses.

 

O aparcadoiro suporá un investimento de case 12,5 M€, que será financiado entre Adif e o Goberno galego, que asume o 37,5% do custo, ademais da execución dos traballos.

 

A Xunta facilita a execución da estación intermodal achegando un investimento que representa case un 50% máis do que lle correspondería para financiar a nova terminal de autobuses, que ten un orzamento de 9 M€.

 

A intermodal inclúe, ademais, a nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución lle corresponde a Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 M€.

 

A área intermodal tamén levará aparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a 11,6 M€ e será financiado nun 60% por parte do Adif e nun 40% polo Concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023