O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu hoxe ao seminario de mellora das técnicas de produción da pataca

A Xunta pon en valor en Coristanco a IXP Pataca de Galicia, que no 2021 comercializou máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico superior aos 3 M€

José Balseiros participou neste encontro, que rematará mañá e que ten como fin reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos

Tamén busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores

O seminario conta con charlas e mesas redondas nas que participan diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa
 

Coristanco (A Coruña), 16 de xaneiro de 2023.-

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor a indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia, que no 2021 comercializou máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico de máis de 3 millóns de euros. Fíxoo no seminario de mellora das técnicas de produción da pataca celebrado hoxe no edificio municipal de usos múltiples de Coristanco, ao que asistiu.

 

Este encontro, que rematará mañá, ten como obxectivo reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización. Para iso, o seminario conta con charlas e mesas redondas nas que participan diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa.

 

Durante a xornada de hoxe abordáronse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiaron experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e nesta comarca e visitáronse diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos.

 

Por outra banda, mañá trataranse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ademais, haberá unha mesa redonda na que participarán produtores tanto da Bretaña como locais e posteriormente farase unha visita de estudo sobre o almacenamento e conservación da pataca. Cómpre lembrar que este mércores 18 e o xoves 19 de xaneiro celebrarase de novo esta mesma xornada na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023