A Xunta reforza o parque público residencial coa compra de 55 vivendas a Abanca nunha trintena de Concellos por 3,9 M€

 Heriberto García explica que estes inmobles pasarán a ser cualificados como de promoción pública e serán destinados a alugueiro social a prezos accesibles


Os actuais inquilinos son, na súa maior parte, familias afectadas por desafiuzamentos ou en situación de vulnerabilidade e tras a adquisición poderán seguir residindo nestas vivendas nas mesmas condicións que ata o de agora
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

A Xunta reforza o parque público residencial destinado a alugueiro coa compra de 55 vivendas a Abanca nunha trintena de concellos por 3,9 millóns de euros.

 

Logo de asinar as escrituras de compravenda coa entidade bancaria, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, sinalou que todas estas vivendas pasarán a ser cualificadas como de promoción pública e serán destinadas a alugueiro social a prezos accesibles.

 

 

Segundo precisou Heriberto García, o IGVS xa xestionaba na actualidade estes 55 inmobles en virtude dun convenio de colaboración subscrito coa entidade financeira no ano 2019 para garantir que persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias puidesen manter as súas vivendas habituais, e que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión social tivesen acceso a un contrato de alugueiro social a prezos reducidos.

 

Por iso, unha vez propiedade da Xunta, os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles e que na súa maior parte se corresponden con persoas en situación de vulnerabilidade, poderán seguir vivindo nelas nas mesmas condicións que ata o de agora, incluído o importe que pagan en concepto de alugueiro, que oscila entre os 41 euros e os 125 euros mensuais (unha media de 79 euros).

 

De feito, o director xeral do IGVS incidiu en que un dos obxectivos de promover desta operación é facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas vulnerables ou que se visen afectadas por un desafiuzamento ou unha execución hipotecaria no seu día e que, por conseguinte, necesitan un alugueiro social.

 

Así mesmo, a Xunta tamén avanza no seu obxectivo de incrementar o actual parque público residencial baixo a súa titularidade, reforzando a oferta naqueles municipios onde segue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro.

A continuación detállanse os municipios e as vivendas propiedade de Abanca que vén de adquirir o IGVS.

CONCELLO
NÚMERO DE VIVENDAS
A Coruña
4
A Laracha
1
Cee
1
Miño
1
Narón
1
Negreira
1
Porto do Son
1
Ribeira
2
Monterroso
1
Rábade
1
Sarria
1
Ourense
3
Verín
1
Vilar de Santos
1
A Cañiza
3
A Guarda
2
Caldas de Reis
2
Cangas
1
Lalín
1
Marín
1
Moaña
1
Mondariz
1
Nigrán
1
Ponteareas
1
Pontecesures
2
Pontevedra
1
Salceda de Caselas
1
Salvaterra de Miño
4
Silleda
2
Tomiño
2
Vigo
8
Vilanova de Arousa
1
TOTAL
55

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023