O conselleiro do Medio Rural presidiu a reunión deste órgano colexiado, que tivo lugar en Santiago

O Consello Agrario Galego avaliará distintas propostas de cara a garantir máis fondos para a agricultura ecolóxica na PAC do período 2023-2027

Os representantes do sector agrogandeiro galego disporán desta semana e da que vén para presentar propostas con esta finalidade

A ampliación das dotacións orzamentarias require da aprobación do Comité de seguimento do Plan Estratéxico da PAC, no que están representadas as organizacións agrarias, e os cambios deben ser ratificados pola Comisión Europea

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

O Consello Agrario Galego avaliará distintas propostas de cara a garantir máis fondos para a agricultura ecolóxica na PAC do período 2023-2027. Así o explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, tras presidir a xuntanza deste órgano colexiado, que tivo lugar hoxe en Santiago. O conselleiro sinalou que nesta reunión deuse aos representantes do sector agrogandeiro galego esta semana e a que vén de prazo para presentar propostas con esta finalidade.

 

Así, José González sinalou que se acordou coas organizacións profesionais agrarias e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) traballar conxuntamente “para ter os datos o máis afinados posible” en canto ás hectáreas declaradas en ecolóxico. O obxectivo, trasladou, é “fixar os criterios que permitan dotar cun colchón orzamentario suficiente para poder atender todas as solicitudes que se presenten na orde que se publique neste 2023”, mediante a preceptiva modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Esta orde, subliñou o conselleiro, ten un período de permanencia de cinco anos, polo que cómpre garantir fondos suficientes para cubrilo.

 

Esta cuestión -a modificación do PEPAC- ten que ser debatida e aprobada polo Comité de seguimento deste plan, no que están presentes as organizacións agrarias con representación no Consello Agrario. Isto, como paso previo á tramitación dos cambios que deben ser aprobados, en última instancia, pola Comisión Europea.

 

O titular de Medio Rural remarcou que esta proposta sería para incrementar os fondos destinados ás axudas á produción ecolóxica para o período de cinco anos que comeza neste mesmo ano 2023. Neste sentido, cómpre destacar que as axudas do ano pasado só esixían a permanencia do perceptor en ecolóxico para 2022, mentres que a convocatoria deste ano suporá un compromiso de permanencia na actividade durante cinco anos, para garantir a consolidación do ecolóxico e a maior cantidade de produtos deste tipo a disposición do consumidor.

 

En todo caso, José González apuntou que no 2022 a suba do orzamento para estas axudas foi do 60 % respecto do ano 2021, polo que -aseverou- todos, tanto o sector como a Xunta, “entendemos que había orzamento suficiente”.

 
O conselleiro reiterou o compromiso do Goberno galego -así como das organizacións profesionais agrarias- co ecolóxico e cualificou como “puntual” o ocorrido no 2022, “un tema derivado dun incremento extraordinario de superficie” e agora, concluíu, “imos reforzar os orzamentos para que isto non aconteza nos anos 2023 e seguintes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023