A Xunta reforma a rede térmica do CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas cunha mellora da fontanaría e da calefacción cun investimento de 88.000€

A instalación de fontanaría modernizouse co cambio de toda a tubaxe, con máis de 700 metros de novas canalizacións, e a construción dun novo colector


O sistema de calefacción renovouse cun nova sala de caldeiras, a separación dos circuítos de calor, o cambio dos radiadores do comedor por outros de máis potencia e a instalación de válvulas


A actuación, xa rematada, foi supervisada polo xefe territorial de Educación, César Pérez, na compaña de representantes do equipo directivo, a Anpa e a unidade técnica
 

Ponte Caldelas, 16 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de reformar toda a rede térmica do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas cunha mellora integral das instalacións de fontanaría e calefacción cun investimento de 88.000 euros.

A primeira das dúas actuacións consistíu na modernización integral da fontanaría deste centro público, que xa tiña bastante antigüidade e presentaba certos problemas e fugas. Por elo, procedeuse, principalmente, á substitución de todas as antigas tubaxes de ferro e á dotación dunhas novas canalizacións ao longo dos 705 metros da rede.

Así mesmo, tamén se procedeu á construción dun colector e á renovación de diversos aparellos do sistema e á posterior comprobación do axeitado funcionamento do novo servizo a través de probas e de senllas analíticas.

Por outra banda, a Consellería de Educación tamén procedeu á mellora do sistema de calefacción, xa que tíñanse detectado un exceso no consumo de combustible, uns inadecuados parámetros nas medicións do confort térmico e unha potencia insuficiente nalgúns puntos.

Ante esta situación, procedeuse á reforma da sala de caldeiras e á modernización do grupo térmico, a mellora dos sistemas de control e de distribución independizando os circuítos con válvulas e bombas, a substitución dos radiadores do comedor por outros con maior potencia e a instalación de válvulas termoestáticas nos puntos de emisión de calor para obter unha maior eficiencia.

Dita actuación foi supervisada polo xefe territorial de Educación, César Pérez, na compaña de representantes do equipo directivo e da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) deste colexio de Ponte Caldelas e de integrantes da unidade técnica da consellería.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023