A Xunta concede axudas por máis de 10 M€ a máis de 400 beneficiarios para o fomento da silvicultura activa

Permitirán actuar nunha superficie de actuación de máis de 5.600 hectáreas
 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural destas achegas que apostan pola silvicultura activa, adaptativa e de proximidade
 

A execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas implica a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que recolle a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a máis de 400 beneficiarios, por un importe de algo máis de 10,2 millóns de euros, cunha superficie de actuación de máis de 5.600 ha, en virtude da convocatoria do ano pasado. É unha mostra máis da aposta da Consellería do Medio Rural pola silvicultura activa, adaptativa e de proximidade, en liña cos eixos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Así, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación Forestal, concede estas axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro.
 
A meirande parte das axudas están destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperatias agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.
 
Na provincia de Ourense aprobáronse 145 expedientes para 2.718 hectáreas, cun importe de 5,1 millóns de euros; na de Pontevedra foron 117 expedientes para 1.285 hectáreas cun importe de case 2,2 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.150 hectáreas, cun importe de 2 millóns de euros e, finalmente, na provincia da Coruña aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas, cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 407 expedientes aprobados para unha superficie de actuación de 5.654 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros.
 
Arredor dun 90% da contía concedida correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2023. Cómpre lembrar que a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas implica a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.
 
O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, de prevención, de multifuncionalidade e de posta en valor dos montes co fin de que constitúan o cerne dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.
 
As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5% e da Xunta de Galicia do 17,5%.
 

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por un importe de máis de 14 millóns de euros, nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos en 2022. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2021 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva, para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal, de primas de mantemento de forestacións e sistemas agroforestais e para a boa gobernanza das comunidades de montes veciñais en man común.

 
Enlace á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023