O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, visita o centro para presentar o proxecto de mellora

A Xunta investirá máis de 3,4 M€ na ampliación do colexio Agro do Muíño, en Ames

O Goberno galego licitará o luns esta obra, o primeiro dos dous grandes proxectos educativos que desenvolverá este ano neste concello

Ultima tamén o proxecto de construción do novo colexio do Milladoiro, que será presentado e contratado nas vindeiras semanas

Román Rodríguez explica que o obxectivo é dar resposta ás necesidades de escolarización dunha zona que destaca polo seu crecemento demográfico

No Agro do Muíño construirase un novo edificio na parcela colindante con seis aulas máis para alumnos e todas as instalacións precisas

Contará tamén con foro e polo creativo, dous novidosos espazos contemplados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
 

Ames (A Coruña), 14 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o CEIP Agro do Muíño, en Ames, onde anunciou a inminente licitación da obra de ampliación deste colexio, por máis de 3,4M€. Trátase do primeiro dos dous grandes proxectos educativos que a Xunta pon en marcha neste concello, ao que se suma a inminente construción do novo colexio do Milladoiro.

Tal e como explicou o responsable do departamento educativo do Goberno galego, “o obxectivo de ambas actuacións é dar resposta ás necesidades de escolarización dun concello que destaca polo seu crecemento demográfico”, sinalou. Neste sentido, avanzou que o seu departamento está ultimando xa o proxecto no Milladoiro, que será presentado nas próximas semanas para ser contratado tamén de inmediato.

No que se refire ao Agro do Muiño, que conta con case 500 alumnos indicou que se aproveitará “para crear novos espazos como o foro, unha das novidades contempladas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un espazo multifuncional complementario do resto, a área central de reunión e comunicación da comunidade educativa que ten como finalidade promover a aprendizaxe en espazos abertos”, explicou.

Así mesmo, o colexio contará cun polo creativo, un novidoso espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.

A obra sairá a licitación este luns e a previsión é que comece en tres meses e estea rematada para o fin de 2023. Tendo en conta que a ampliación se acometerá nunha parcela colindante, comezarase compatibilizando os traballos co curso escolar. Nas vacacións escolares de verán, actuarase no edificio actual. 

Novo edificio

A ampliación realizarase de xeito lineal, construíndo un novo volume. A superficie total despois da ampliación ascenderá a 14.645 m². O novo edificio albergará seis aulas convencionais, o que permitirá habilitar espazo para ata 150 novos alumnos, tres aulas de desdobres, aulas de música, pedagoxía terapéutica, aula de audición e linguaxe e orientador, aseos, sala de usos múltiples e vestíbulo de entrada. Ademais, estará dotado dos devanditos foro e polo creativo. O edificio será accesible e contará con sinalética e grafismos que aclaren os itinerarios internos.

 No que se refire ao actual edificio, acometeranse diversas melloras na zona de instalacións, ampliarase o comedor e reorganizaranse varios espazos, entre outras actuacións, ademais de unir o volume existente co novo.

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. A través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos, cun orzamento total de 191M€.

O obxectivo final é acadar centros más amplos, mellor dotados desde o punto de vista tecnolóxico, máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e capaces de aforrar consumo enerxético.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2023