A Xunta apoia ao sector turístico de Santiago con 13 axudas para aloxamentos e restaurantes por importe de máis de 220.000 euros

Trenor informou deste programa de Turismo de Galicia no restaurante Pazo Vista Alegre, beneficiario dunha axuda de máis de 12.000 euros para renovar as súas instalacións e o sistema de climatización

Esta orde de 2022 permitiu ao sector modernizar as súas instalacións para contribuír a reforzar a imaxe de Galicia como destino turístico e de calidade cunha oferta competitiva
 

Vedra  (A Coruña), 13 de xaneiro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou esta mañá o Pazo Vista Alegre, un dos beneficiarios da liña de axudas para a mellora de aloxamentos e establecementos de restauración, que inxectou 221.000 euros en achegas para 13 negocios da comarca de Santiago, que movilizaron máis de 645.000 euros de investimento. No caso concreto deste restaurante contou cunha axuda de máis de 12.000 euros levar a cabo obras de climatización e renovación das súas instalacións, cun investimento total de máis de 34.000 euros. 

Así, o representante autonómico detallou que, o ano pasado, houbo un total de 13 establecementos, 5 de aloxamentos e 8 de restauración, beneficiarios en Santiago da orde de axudas que tivo por obxectivo que poidan seguir ofrecendo máis e mellores servizos.

Trenor subliñou que estas axudas permitiron renovar e modernizar as instalacións dos establecementos turísticos de aloxamento -locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos- e negocios de restauración co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva. En total esta orde contou cun importe de 2 millóns de euros para toda Galicia.

A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros que se pode destinar a actuacións como accións para mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistema de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

O representante do Goberno galego tamén precisou que con axudas coma estas, “a Xunta contribúe a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do modelo de turismo galego”.

Plan Camiña

Dende a Xunta deuse continuidade ao apoio prestado ao turismo galego para paliar o impacto da covid, que o ano pasado supuxo un investimento de máis de 120 millóns de euros, entre os 90 millóns do Plan de rescate á hostalería e 35,7 millóns de euros do plan de choque para o reforzo do sector turístico.

 Por iso, en 2022 o Goberno galego aumentou o orzamento ata os 46,6 millóns do Plan Camiña, posto en marcha co obxectivo de seguir reactivando o sector con achegas directas para a adaptación dos seus negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século XXI e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da nosa comunidade. Ademais dos 21,6 millóns específicos para as empresas do sector -para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal-, o Plan Camiña destinou 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 millóns máis para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023