A Xunta decretou un total de seis novas concentracións parcelarias na provincia de Pontevedra nos dous últimos anos

Entre 2021 e 2022 decretáronse en Galicia un total de 27 novas zonas, todas elas declaradas desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia

As zonas de Pontevedra abarcan un total de 5.876 hectáreas, distribuídas en máis de 31.600 parcelas propiedade de 4.362 titulares

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2023

A Xunta segue a impulsar actuacións públicas necesarias para paliar o minifundismo presente en Galicia, co fin de reverter o abandono das terras produtivas e así mellorar as condicións de desenvolvemento sustentable de actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Neste senso, a Consellería do Medio Rural decretou entre o ano 2021 e o que levamos de 2023 un total de seis novas zonas de concentración parcelaria na provincia de Pontevedra, que forman parte das 27 declaradas en Galicia nese período de tempo.

 

Así, estes seis novos procesos conlevan unha superficie total de 5.876 hectáreas, distribuídas en máis de 31.600 parcelas propiedade de 4.362 titulares. Concretamente, as parcelarias decretadas desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia na provincia de Pontevedra son as de Bemil (Caldas de Reis), de San Salvador do Castro (Dozón), de San Miguel de Valga (Valga) e tres no concello de Lalín nas zonas de Cristimil, de Galegos e de Goiás-Xaxán-A Veiga.  

 

Estes catro procesos forman parte das 27 concentracións parcelarias decretadas polo Goberno galego desde comezos de 2021. Entre todos, abarcan unha superficie de 22.589 hectáreas e 107.317 parcelas de 15.387 titulares. Estas concentracións teñen como obxectivo a mellora das condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias en Galicia, xa que reduce o número de fincas por granxa e agrupa a súa superficie nun menor número de parcelas, reducindo así os custos de produción das explotacións. Ademais, fíxase a poboación no medio rural para facer rendible a actividade produtiva e lóitase contra o abandono das terras e avanza na anticipación de incendios forestais.

 

Ademais, cabe engadir que entre o ano 2020 e o 2022, a Consellería do Medio Rural rematou un total de 24 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. En ambos casos, o obxectivo é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- no primeiro semestre deste ano.

 

Lei de recuperación

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de concentración máis de 118 millóns de euros dende o ano 2009, sendo o orzamento previsto para 2023 de 17 millóns. 

 

Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

 

Así, na nova lei apóstase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

Data de actualización: 15/01/2023