A Xunta concedeu 164.000 euros a 20 taxistas lucenses para comprar vehículos accesibles e de baixas emisións
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que está aberta unha nova convocatoria desta liña de axudas, que busca incentivar a adquisición de taxis adaptados para persoas con mobilidade reducida e pouco contaminantes
Vilalba (Lugo), 13 de xaneiro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu nos últimos meses 164.000 euros a 20 taxistas de Lugo para adquirir vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida -os denominados eurotaxis -; taxis de baixas emisións ou de emisións cero.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro cun taxista do concello de Vilalba que mercou un eurotaxi co apoio da última orde de subvencións, correspondente a 2022.
Arias explicou que do total das achegas aprobadas, 11 foron para taxis adaptados, 12 para os chamados ECO – de baixas emisións - e unha para un automóbil de emisións cero. Algúns dos 20 taxis beneficiarios reunían varias das características.
En canto ao reparto na provincia, o municipio de Lugo rexistra tres beneficiarios; a Fonsagrada outros tres; as comarcas da Terra Chá e Meira seis -dous en Vilalba e un na Pastoriza, Guitiriz, Meira e Pol -; a Zona Sur cinco – en Carballedo, Pantón, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos e Sober -; e un en Portomarín, Samos e Monterroso, respectivamente.