A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coñeceu algúns dos investimentos feitos no territorio

A Xunta pon en valor varios proxectos promovidos pola Asociación de Desenvolvemento Rural comarca de Ourense, nos que se investiron máis de 187.000 euros de axudas Leader

As iniciativas visitadas foron o proxecto Social Rural Truck, en Barbadás, a reforma da Casa da Fonte, en Ramirás, e a exposición 'O Lebre de Casarizas', na Peroxa

A última convocatoria das axudas Leader para o 2023-2024, cuxo prazo aínda está aberto, conta cun orzamento de 15,3 millóns de euros

En total, o GDR Adercou xestionou máis de 470.000 euros destas axudas na anualidade de 2022
 

Barbadás (Ourense), 13 de xaneiro de 2023

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, estivo esta mañá na sede da Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense para coñecer de primeira man algúns dos investimentos feitos no territorio a través dos fondos Leader.

En total, a directora xeral visitou tres proxectos que apostan por crear emprego e servizos no rural e recibiron achegas por un importe de máis de 187.000 euros en distintas convocatorias. Cabe destacar que este grupo de desenvolvemento rural (GDR) recibiu máis de 470.000 euros destas axudas tan só na convocatoria do ano 2022.

Primeiramente, na sede situada en Barbadás, visitouse a iniciativa chamada Social Rural Truck, cuxo obxectivo é achegar os servizos de atención psicosocial e mediación do programa Sementando Cidadanía á poboación dos 17 concellos pertencentes a este GDR. Deste xeito, busca fomentar a corresponsabilidade e a participación da cidadanía na xestión de conflitos, potenciar a cohesión social e incrementar o benestar social comunitario e a calidade de vida das persoas residentes nestes concellos. Ademais, tamén ten como  fin mellorar a mobilidade no rural dada a dispersión xeográfica e o envellecemento poboacional, e integrar e pór en valor a diversidade social e cultural. Para iso, o proxecto recibiu unha axuda de máis de 25.000 €.
 
De seguido, a directora xeral desprazouse ata as obras da iniciativa de turismo Casa da Fonte, cuxo establecemento foi rehabilitado grazas a máis de 128.000 euros de axudas Leader, logrando así unha pensión con categoría de 2 estrelas. Para iso, realizouse unha rehabilitación integral, conservando e poñendo en valor os muros perimetrais da cachotería. Ademais, fíxose unha nova distribución interior, adaptando a planta baixa para uso hoteleiro comunicando ademais este nivel coa planta alta polo interior.
 
Por último, Inés Santé visitou o edificio multiusos do concello da Peroxa, onde se levou a cabo a exposición O Lebre de Casarizas, que busca rescatar e revalorizar a figura do lebre de Casarizas, un artesán multidisciplinar que, desde o seu taller, difundiu as novas maquinarias nas terras da Peroxa e Vilamarín.
 
Unhas maquinarias que, ademais, el mesmo inventaba e fabricaba. Ao longo da súa vida exerceu de ferreiro, dentista e readioestesista, pero no seu taller foi onde innovou os apeiros e máquinas para beneficiar os traballos de agricultura. Este proxecto está dotado con preto de 34.000 euros para financiar actuacións do edificio e distintas pezas.

 Axudas do Plan Leader 2023-2024

O pasado 29 de decembro publicouse no Diario Oficial de Galicia a última convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024. A estas achegas pode optar calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

Con esta orde de axudas búscase mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Tamén, pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, as persoas mozas, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores.
 
Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
 

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para presentar as solicitudes, que deberán ser dirixidas -tendo en conta a localización do investimento- ao GDR que corresponda. Así mesmo, deberán presentarse co formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria. Nesa liña, cabe lembrar que a Xunta habilitou este ano Xalea, unha nova aplicación informática configurada para a xestión integral de toda a tramitación destas solicitudes dunha forma sinxela, á que pode accederse a través dunha ligazón na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

           

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023