A Xunta presenta o stand de Galicia coa enogastronomía como eixe central e con récord de presentacións no espazo galego en Fitur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que o stand de Galicia acollerá arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades, entre as que se atopan presentacións de concellos, deputacións, xeodestinos, presentacións gastronómicas, e presentacións deportivas, entre moitas outras

O Goberno galego mantén o mesmo stand -de máis de 1.000 metros cadrados situado no pavillón 9 do Ifema- do pasado ano co obxecto de optimizar o gasto

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023

A directora de Turismo de Galcia, Nava Castro, presentou esta mañá o stand de Galicia en Fitur, que nesta edición terá a enogastronomía galega como eixe central nun dos maiores escaparates de promoción turística a nivel internacional, e onde nesta edición se levarán a cabo récord de presentacións no stand galego.

Nava Castro indicou que Galicia mostrará o mellor do seu territorio ben a través do Camiño de Santiago, ben a través da gastronomía, dos recunchos, das augas termais, do ecoturismo, da natureza, das festas de interese turístico nacional e internacional.Tamén a través das rías, os náuticos, as praias, as súas augas tanto no mar como nos seus ríos. En definitiva, mostrará que Galicia é un referente en turismo sostible e de calidade.

O stand de Galicia acollerá arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades, entre as que se atopan presentacións de concellos, deputacións, xeodestinos, presentacións gastronómicas, e presentacións deportivas, entre moitas outras. O stand ten maís de 1.000 metros cadrados e está situado no pavillón 9 do Ifema. O Goberno galego mantén o mesmo stand do pasado ano nun espazo que combina creatividade e sostibilidade, co obxecto de optimizar o gasto.

O stand está concebido co modelo circular das 4 R, (Reducir, Reutilizar, Reciclar e Recuperar), que forman parte das novas oportunidades que nos ofrece o turismo en Galicia. Concíbese como un conxunto escenográfico que transmite a Galicia como destino turístico sostible e de calidad, sendo un punto de encontro e de referencia para o sector turístico galego.

“A enogastronomía galega, baseada na calidade da materia prima do produto local e da súa cociña, forma parte do patrimonio de Galicia, da súa identidade e do seu estilo de vida, polo que resulta un recurso para situar á nosa Comunidade como un destino enogastronómico de primeiro nivel no mapa da excelencia. A enogastronomía é unha das primeiras preferencias dos viaxeiros que deciden visitar Galicia, e, por tanto, un dos recursos claves do modelo turístico galego”, indicou Nava Castro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023