A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de 40 paradas de autobús en estradas autonómicas, nas rutas de acceso a Ourense, que suporá un investimento de máis de 1 M€

As obras levaranse a cabo nas paradas situadas en vías autonómicas ao paso polos concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Castro Caldelas, Coles, Esgos, Larouco, Laza, Maceda, Ourense, Petín, A Rúa, Verín e Viana do Bolo


As actuacións consisten na mellora dos apartadoiros para autobuses e as cuñas de entrada e saída, e no acondicionamento dos itinerarios peonís na zona das paradas


Colocaranse refuxios de tipo rural e urbano e efectuaranse melloras do pavimento nas contornas das paradas
 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora de 40 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas, nas rutas cara á cidade de Ourense.

 

A Xunta destinará un investimento de máis de 1 millón de euros ás intervencións proxectadas nas paradas de autobús.

 

O prazo para presentar alegacións será de trinta días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

No seguinte enlace ao DOG tamén se pode consultar a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230113/AnuncioG0181-020123-0001_gl.html

 

As obras desenvolveranse nas estradas OU-101, OU-113, OU-121, OU-150, OU-533, OU-536, OU-540, OU-603 e OU-636. Actuarase, concretamente, no municipio de Barbadás en 6 paradas; no Barco de Valdeorras, nunha; no Bolo, en 5; en Castro Caldelas, en 2; en Coles, nunha; en Esgos, en 2; en Larouco, en 2; en Laza, nunha; en Maceda, nunha; en Ourense, en 8; en Petín, en 2; na Rúa, en 2; en Verín, nunha; e en Viana do Bolo, en 6.

 

As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas.

 

O proxecto abrangue a colocación de refuxios de tipo rural e urbano dos definidos pola Dirección Xeral de Mobilidade, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.

 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

 

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

 

Ademais levaranse a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.

 

Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.

Estas intervencións están financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

 

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€.

Data de actualización: 13/01/2023