O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco

A Xunta inviste preto de 180.000 euros no proxecto Terractiva para impulsar novas incorporacións ao agro apostando pola sustentabilidade

O proxecto está enmarcado na convocatoria do ano pasado de máis de 6 millóns de euros para financiar a innovación no rural, mediante iniciativas de grupos operativos


Terractiva busca xerar un marco metodolóxico para capacitar ás entidades no apoio á incorporación de novos activos no agro, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra, como as aldeas modelos ou os polígonos agroforestais


Para levar a cabo esta iniciativa colaboran o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a cooperativa Horsal
 

Coristanco (A Coruña), 13 de xaneiro de 2023 O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe o Centro de Promoción Rural-Escola Familiar Agraria (EFA) Fonteboa, en Coristanco, para asistir á presentación do proxecto Terractiva, enmarcado na convocatoria do pasado 2022 de máis de 6 millóns de euros para financiar proxectos de grupos operativos que innoven no agro galego.

 

Beneficiario dunha axuda de case 180.000 euros, o director destacou que se trata dun proxecto consciente da importancia das persoas que se incorporan desde outros sectores ao eido rural e da necesidade de coñecer mellor os procesos de relevo xeracional na agricultura galega. Deste xeito, Terractiva busca xerar un marco metodolóxico para capacitar ás entidades no apoio á incorporación destes novos activos no agro, poñendo unha énfase especial en modelos agroecolóxicos e sustentables.

 

Nesta liña, apostan por producións cun alto potencial no sector agrogandeiro galego, a través do fortalecemento dos marcos de apoio, en particular na mediación e facilitación para o acceso á terra e na definición e acompañamento en itinerarios de incorporación a medida, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

 

Cabe sinalar que Terractiva nace da cooperación de diversas entidades que forman parte do grupo operativo que colabora para levar a cabo o proxecto.  En concreto, o Centro de Promoción Rural-Escola Familiar Agraria Fonteboa, a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a cooperativa Horsal.

 

O proxecto executarase en 24 meses a través de cinco actividades principais: caracterización das novas incorporacións ao agro, ferramentas de apoio na identificación e acceso a terras de aptitude agraria, ferramentas para guía e acompañamento na incorporación, xestión e coordinación técnica e económico-administrativa e, por último, comunicación e divulgación das actividades e resultados do proxecto.

 
Innovación no agro galego

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, publicou en 2022 unha convocatoria de axudas para execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) cun orzamento de 6,12 millóns de euros. O obxectivo principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconómica ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

 

Os beneficiarios destes fondos poderán ser os membros do grupo operativo que teñan a condición de persoas físicas relacionadas coa produción agrícola o forestal; os centros de innovación investigación o tecnolóxicos; entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural; entidades asesoras na conservación ou uso sostibles dos recursos naturais ou outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023