Os presidentes da Xunta de Galicia, da Junta de Castela e León e do Principado de Asturias liderarán o encontro, no que participará o empresariado, os portos e as plataformas loxísticas das tres comunidades

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 27 de xaneiro un gran acto para reivindicar o impulso do Corredor Atlántico do noroeste

Galicia, Castela e León e Asturias reforzan a alianza que permitiu corrixir o erro histórico que deixaba o noroeste peninsular fóra do trazado dos corredores europeos de transporte de mercadorías

No encontro presentarase a estratexia consensuada na que se definen os obxectivos e as liñas de actuación para a modernización da rede ferroviaria das tres autonomías co obxectivo de incrementar a súa competitividade territorial

O noroeste aspira a triplicar o volume de mercadorías transportado por ferrocarril para acadar cotas equivalentes á media europea

As tres comunidades demandarán un plan director do Corredor Atlántico que atenda as necesidades do noroeste e impulse os investimentos co apoio da UE
 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 27 de xaneiro un gran acto destinado a reivindicar o impulso do Corredor Atlántico do noroeste. Ese foro estará liderado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, e contará coa participación do empresariado, os portos e as plataformas loxísticas das tres comunidades. 

Con este encontro, Galicia, Castela e León e Asturias dan un paso máis para reforzar a alianza estratéxica constituída en 2017 e que permitiu corrixir o erro histórico que supuña deixar o noroeste peninsular á marxe do trazado dos corredores europeos de transporte de mercadorías. 

Neste momento, as tres comunidades consideran imprescindible aproveitar a oportunidade única do reforzo dos orzamentos da UE co fin de paliar os efectos derivados da covid-19 coa creación extraordinaria dos fondos Next Generation UE para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no trazado do Corredor Atlántico, ademais dos xa previstos recursos do mecanismo Conectar Europa, que no programa 2021-2027 está dotado con 25.800 M€ para o sector do transporte.

No evento, que terá lugar no Palacio de Congresos de Santiago, farase pública a estratexia elaborada de forma coordinada polas tres autonomías do noroeste para definir os obxectivos concretos e as liñas de traballo que deben guiar a modernización da rede ferroviaria de mercadorías no noroeste e incrementar así a súa competitividade territorial. 

Entre eses obxectivos está o de triplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no horizonte do ano 2040, pasando dos 7 millóns de toneladas/ano a máis de 20 millóns de toneladas/ano.  

Dese xeito, sería posible chegar a transportar a través do ferrocarril ata o 12% das mercadorías, acadando así unha porcentaxe de cota modal similar á media europea.  

As tres comunidades demandarán a elaboración por parte do Goberno de España dun plan director do Corredor Atlántico que atenda as necesidades do noroeste e impulse os investimentos co apoio da UE. 

Así mesmo, reclamarase a creación dun comisionado do Corredor Atlántico que facilite a interlocución entre o Executivo central e as comunidades autónomas para establecer de forma coordinada as prioridades de actuación no marco do desenvolvemento desa infraestrutura.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023