A Xunta potencia o papel das súas oficinas no rural para mellorar a atención á súa poboación
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a o decreto polo que se modifica a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e que refunde modificacións anteriores
Cambia a denominación das oficinas agrarias comarcais, que pasan a chamarse oficinas rurais, e suprímese a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, cuxos órganos e unidades quedarán adscritos á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se modifica a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e que refunde modificacións anteriores. Así, plásmase unha estrutura e funcións da Consellería acordes cos principios de eficiencia e cumprimento tanto dos obxectivos fixados como da asignación e utilización dos recursos públicos.
Entre as novidades destaca o cambio de denominación das oficinas agrarias comarcais, que pasan a ser oficinas rurais, potenciando así o seu papel e as súas funcións. Deste xeito, este cambio responde a unha regulación máis racional das actuacións a desenvolver nelas, polo que a nova denominación é máis acorde e axeitada ao seu ámbito e funcións. En definitiva, trátase de mellorar a atención que se presta á poboación do rural a través destas antenas no territorio.
Así mesmo, cómpre resaltar a supresión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural que se integra na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Como consecuencia da supresión, que está supeditada á aprobación dos novos estatutos da Axencia -actualmente en tramitación-, redúcese o número de centros directivos da Xunta ao tempo que se gaña en eficiencia na utilización dos recursos públicos mantendo, ademais, as mesmas competencias.