A Xunta mantén o compromiso coas entidades veciñais cun investimento de 3 M€ destinados a garantir a súa actividade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe ao encontro organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo ‘Lucus Augusti’ na parroquia de Pedreda

Anunciou que o próximo martes, día 17 de xaneiro, se publicará no DOG a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria para asociacións de veciños e de mulleres rurais, e para comunidades de usuarios de augas

Esta convocatoria vai dirixida a sufragar obras nos locais sociais destas entidades e a reparación das traídas de augas comunitarias, así como a adquisición de equipamentos

Un total de 224 colectivos beneficiáronse destas subvencións na comunidade o ano pasado, 31 delas na provincia lucense

Lugo, 15 de xaneiro de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe xunto coa directora xeral de Administración Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, á comida anual que a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti celebra na parroquia lucense de Pedreda. No encontro anunciou que o próximo martes, 17 de xaneiro, se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria deste ano das subvencións dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais -incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

A Xunta, como lembrou o vicepresidente segundo, manterá a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos. De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas. Na provincia de Lugo resultaron beneficiarios 31 colectivos por un importe de 433.588 euros. 

Ademais, precisamente entre 2019 e 2022, a Xunta achegou a través das distintas convocatorias deste plan máis de 48.300 euros para levar a cabo o proxecto de rehabilitación do novo local social da asociación de veciños Peizal-Outeiro, construído na antiga casa reitoral de San Vicente de Pedreda.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Da nova convocatoria que se publica o próximo martes poderán beneficiarse as asociacións veciñais ou de mulleres rurais inscritas debidamente no rexistro de asociacións da comunidade central ou provincial e as comunidades de usuarios de augas rexistradas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

Liñas de apoio

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

Diego Calvo destacou que o obxectivo é mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, tendo en conta que estas asociacións son as entidades máis próximas á cidadanía para atender e canalizar as súas demandas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2023