Fernández-Tapias entrega os diplomas dos cursos de formación de entidades veciñais de Vigo cos que colabora a Xunta

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este xoves nos actos de recoñecemento ás actuacións en favor do desenvolvemento veciñal

Vigo, 12 de xaneiro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou este xoves os diplomas aos participantes nos cursos de formación e obradoiros organizados pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec) de Vigo, entidade coa que colabora o Goberno galego na posta en marcha de accións en favor do desenvolvemento veciñal. Ao acto tamén acudiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; a presidenta da Favec, María Pérez, e o presidente da Confederación Gallega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave), Fernando Rois.

 

Fernández-Tapias agradeceu á Favec e a Cogave o seu traballo en favor do activismo social e da mellora de vida dos veciños da súa contorna, obxectivo no que se encadran os programas de formación levados a cabo nos últimos meses coa colaboración da Xunta. Nas actividades participaron os colectivos veciñais de Zamáns (cursos de cociña), Freixo (costura, debuxo e pintura), Navia (cociña), San Miguel de Oia (conservas, manexo de móbiles e apps, cociña para nenos e nenas), Pontenova-Freixeiro (debuxo e pintura, memoria, arte floral), Coia (ximnasia senior, memoria), Alcabre (memoria), A Salgueira (memoria e cociña), San Roque (arte floral e Memoria), Bembrive (memoria).

 

Así, os usuarios puideron mellorar as súas habilidades informáticas ou asistir a clases de ximnasia, participar nos obradoiros de memoria ou mellorar as súas competencias culinarias. A oferta de cursos de Favec incluíu tamén aos máis pequenos, para os que se programaron actividades de cociña.

 

A colaboración da Xunta coas federacións e asociacións de veciños materializase a través da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria. A orde de subvencións enmárcase no plan destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023