O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visita hoxe senllas adegas nas denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas

A Xunta pon en valor as posibilidades do sector do viño como elemento dinamizador do territorio e creador de riqueza en Galicia

O director visitou esta mañá en Sober as instalacións das Adegas Petrón, cuxo viño Prómine Singular obtivo o Acio de Ouro ao mellor tinto nas tres últimas edicións das Catas de Galicia
 

Pola tarde, visitará tamén o Pazo de Rubianes, en Vilagacía de Arousa, que destaca polo seu proxecto enoturístico
 

A Xunta, por medio da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia busca consolidar o sector nos mercados nacional e internacional
 

Sober (Lugo), 12 de xaneiro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visita hoxe dúas adegas nas denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas acompañado do alcalde de Sober, Luis Fernández, co obxectivo de poñer en valor as posibilidades do sector vitivinícola como elemento dinamizador do territorio e creador de riqueza. Unhas posibilidades que se busca potenciar -lembrou- ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que se artella en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos. 

 

Primeiramente, o director visitou esta mañá as Bodegas Petrón, situadas no corazón da Ribeira Sacra e que contan con diferentes viñedos nas ribeiras do río Sil. Destacou que esta adega obtivo o Acio de Ouro ao mellor tinto de Galicia nas tres últimas edicións das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais, polo seu viño Prómine Singular. Así, recordou que este evento, organizado pola Consellería do Medio Rural e polos consellos reguladores, ten como obxectivo promocionar, identificar e premiar os mellores produtos elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

 

Pola tarde, o director visitará tamén o Pazo de Rubianes, situado en Vilagarcía de Arousa, que conta cunha pequena adega e que destaca como proxecto enoturístico na denominación de orixe Rías Baixas. Neste sentido, cabe salientar que organizan diferentes visitas e eventos nos que o viño é o eixe central, como fórmula para poñelo en valor como elemento diferenciador e definidor do territorio.

 

Precisamente, a do enoturismo é unha das follas de ruta marcadas ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia -elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega-, que busca consolidar o sector nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

 

Para conseguilo, a Estratexia contempla accións de cara a incidir tamén na produción, na industrialización, nos mercados, na promoción ou no patrimonio natural, cultural e paisaxístico. Cabe engadir que no seu desenvolvemento xoga un papel fundamental a Lei de recuperación da terra agraria, para potenciar figuras como os polígonos agroforestais centrados no cultivo de viñedo.

 

Axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural destina máis de 6,13 millóns de euros en axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a promoción de viños en terceiros países no ano 2023. Deste xeito, búscase seguir potenciando un dos sectores máis estratéxicos da economía galega. Senllas convocatorias saíron o pasado 27 de decembro no Diario Oficial de Galicia e continúan abertas.

 

No que atinxe ás achegas para apoiar a promoción do viño galego en mercados de terceiros países -é dicir, fóra da Unión Europea-, dotadas dun importe de 1,7 millóns de euros, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc. O prazo para presentar solicitudes remata mañá.

 

Doutra banda, as achegas para os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, conta cun orzamento total de 4.432.119 euros, a executar entre este ano e o 2024. Estas axudas teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 31 de xaneiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023