A Xunta aproba nove concentracións parcelarias en sete concellos que reorganizarán máis de 8.900 hectáreas e beneficiarán a 5.600 propietarios

O Consello da Xunta aprobou hoxe os decretos que inician procesos nos municipios de Touro, Boqueixón, Padrón, Santa Comba, Tordoia, Melide e tres en Cospeito

O presidente Rueda enxalza a concentración parcelaria como un “instrumento fundamental” para o desenvolvemento do agro galego e considérao “moi importante” na prevención de lumes nos montes da comunidade

Salienta que, entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 27 novas concentracións, coas nove de hoxe, que abarcan un total de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares

Defende o investimento “forte” que leva realizando a Xunta neste ámbito, con 118 M€ desde 2009, e anuncia que no 2023 incrementaranse ata os 17 M€ a partida para continuar con estes procesos

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor a aprobación hoxe no Consello da Xunta de novas concentracións parcelarias. Trátase dun total de nove, localizadas en sete concellos galegos e que reorganizarán máis de 8.900 hectáreas de terro e beneficiarán a 5.600 propietarios.

Rueda enxalzou a figura da concentración parcelaria por ser “instrumento fundamental” para o desenvolvemento do agro galego xa que, segundo esgrimiu, permite reducir custos ás explotacións; axuda a fixar pobación; ademais de que a considerou como “moi importante” na prevención de lumes nos montes da comunidade.

O mandatario galego precisou que as concentracións parcelarias aplicaranse en Montes de Fao e Novefontes (Touro), Lamas-Loureda-Sergude-Vigo (Boqueixón), Herbón (Padrón), Freixeiro (Santa Comba), Castenda (Tordoia), Baltar-Golán-Grobas (Melide) e as de Arcillá-Bestar-Vilar-Sisoi, Lamas e Roás (as tres en Cospeito). Son, en total, 562 explotacións activas situadas nestes municipios, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. 

Rueda salientou o “investimento forte” en concentración parcelaria por parte da Xunta, xa que se leva achegado máis de 118 millóns de euros desde 2009 e adiantou que o Goberno galego seguirá a traballar nesta dirección. De feito, anunciou que no 2023 incrementarase ata os 17 millóns de euros a partida para continuar con estes procesos.

Procesos decretados e rematados

O presidente da Xunta apuntou que, desta forma, entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares.

Cabe sinalar que, con estes decretos, a Xunta cumpre o seu compromiso de decretar unha nova concentración parcelaria por cada proceso finalizado. Desta forma, conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións.
 
Entre o ano 2020 e o 2022, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. En ambos os casos, o obxectivo é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- no primeiro semestre deste ano.
 

Lei de recuperación

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, desde o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de concentración máis de 118 millóns de euros desde o ano 2009, e o orzamento previsto para 2023 é de 17 millóns. 

Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Así, na nova lei apóstase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023