Eugenia Pérez visitó el Instituto Enrique Murais da Pontenova, onde este curso se puxo en marcha a FP Dual de grao medio en Soldadura e Caldeiraría

A directora xeral de FP destaca a importancia da modalidade dual para nutrir de profesionais altamente cualificados ás pemes do rural

Nove pequenas e medianas empresas da zona colaboran coa nova titulación
 

A Consellería de Educación dotará proximamente ao centro dun equipo de simulación relacionado coa Soldadura
 

A Pontenova (Lugo), 12 de xaneiro de 2023

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o instituto IES Enrique Muruais, na Pontenova, para coñecer as instalacións do novo ciclo de FP Dual de grao medio en Soldadura e Caldeiraría. Estas ensinanzas implantáronse por primeira vez neste centro no actual curso académico coa implicación de nove empresas da zona, en concreto Industrial Recense, Astilleros Gondán, Buxo, Ferros Alonso, Cotarelo, Talleres Felipe, Mecanizados Torre, Galicover e Carpintería Metálica Gómez.  

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia da modalidade Dual para nutrir ás pequenas e medianas empresas, especialmente no rural, de profesionais altamente cualificados. Tal e como sinalou, este tipo de formación permite, ademais, que as compañías deseñen parte do currículo do ciclo, adaptándoo ás súas particulares necesidades. “Aos estudantes garántelles unha saída profesional, dado que estas ensinanzas teñen unha inserción laboral de case o 100%”, salientou a directora xeral.

Logo da visita ás instalacións para ver a aula taller, Eugenia Pérez reuniuse cos representantes das empresas colaboradoras. O obxectivo foi analizar a posibilidade de dar continuidade aos novos proxectos de FP Dual para o curso próximo, diante do interese das empresas, e para seguir dando resposta ás necesidades da contorna.

A Consellería de Educación dotará proximamente ao centro dun equipo de simulación relacionado coa Soldadura. Esta iniciativa fará que a Mariña Lucense poida incrementar a súa actividade produtiva ao contar con profesionais cualificados nun ámbito transversal a diferentes sectores e que teñen na actualidade unha gran demanda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023