A Xunta acomete a reforma de toda a instalación de iluminación do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo cun investimento de 43.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación, orientada a dotar ao centro de equipos con maior luminosidade e menor consumo, xunto ao alcalde, Pablo Castillo

Esta obra, centrada nas accións de eficiencia enerxética da Consellería de Educación, supuxo a instalación de 281 novos equipos de luminarias, 27 pantallas Led, 17 equipos de regulación e 61 sistemas de detección para o seu funcionamento

“Dámoslle continuidade ás melloras neste colexio público de Covelo tras reformar, o pasado curso, toda a instalación eléctrica e investir máis de 300.000 € nas súas instalacións ao longo dos últimos anos”, explicou o representante autonómico

Covelo, 12 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de acometer a reforma e modernización integral de toda a instalación de iluminación do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, no Concello de Covelo, cun investimento de 43.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación, orientada a dotar ao centro de equipos con maior luminosidade e menor consumo, nunha visita realizada esta mañá a este centro público xunto ao alcalde de Covelo, Pablo Castillo; o xefe territorial de Educación, César Pérez; e outros representantes educativos.

“Dámoslle continuidade coa renovación de toda a iluminación ás melloras realizadas pola Xunta neste colexio público de Covelo tras reformar, o pasado curso, toda a súa instalación eléctrica e investir máis de 300.000 euros ao longo dos últimos anos nas súas instalacións para modernizar a carpintaría exterior, a cuberta do edificio principal e do pavillón, a sala de caldeiras, o patio, as fiestras ou o ascensor”, detallou o representante autonómico.

Esta obra, centrada nas accións de eficiencia enerxética da Consellería de Educación para mellorar as condicións lumínicas dos centros e reducir a factura, consistiu na instalación de case 400 equipos e máis de 390 metros de cableado e está practicamente rematada a falla de que se executen nestes días algúns remates e se fagan algúns axustes no novo sistema.

En concreto, colocáronse 281 novos equipos de luminarias Led con sistemas regulables e non regulables, 27 pantallas estancas de Led que se ubicaron principalmente no pavillón do colexio, 17 equipos de regulación -un por aula-, 61 sistemas de detección de movemento para aseos e pasillos para controlar e optimizar o funcionamento da iluminación e dez proxectores exteriores nas fachadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023