A Xunta axuda aos concellos de Ourense a financiar os seus servizos sociais cunha achega de 2,7 millóns de euros

Estes fondos canalízanse a través do Plan Concertado e destínanse á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

Ourense, 12 de xaneiro de 2023

A Consellería de Política Social e Xuventude concede aos Concellos da provincia de Ourense 2,7 millóns euros en axudas para que financien os servizos sociais municipais. Estas achegas económicas fíxanse a través do Plan Concertado e están dirixidas á contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante do Plan Concertado, máis de 2,4 millóns de euros, destínase ao cofinanciamento de 145 traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte do persoal dos servizos sociais comunitarios de 60 concellos da provincia. Este montante supón un incremento de 180.000 euros con respecto ao destinado para este fin no anterior plan e permite contratar unha persoa máis nos municipios de Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Castro Caldelas, Avión, Laza e nas Mancomunidade de Terras de Celanova e de Verín, así como dúas no de Ourense.

Ademais, o Plan Concertado serve para a apoiar ás Corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, para o que se reservan algo máis de 280.000 euros no caso da provincia de Ourense.

Este importe repartiuse nun total de 45 programas en 39 localidades. Estas actuacións dan prioridade ás axudas de emerxencia social, a programas de educación e apoio familiar e a iniciativas destinadas a persoas sen fogar e a persoas especialmente vulnerables.

Ourense cidade

Así mesmo, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico no concello de Ourense, ao que destina 74.100 euros. En total, o municipio da capital recibe 515.776 euros para diversos programas e para manter 27 postos de traballo nos servizos sociais.

Data de actualización: 12/01/2023