Trenor destaca que a gratuidade da educación infantil permite un aforro anual de entre 1.500 e 2.000 € de media por neno e beneficia arredor de 1.750 familias de Santiago

Lembra que Galicia é a primeira comunidade de España na que a educación infantil é 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social
 

Precisa que esta iniciativa supón un investimento de 50 millóns de euros anuais e beneficia a máis de 30.000 pequenos de toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, destacou hoxe que a gratuidade da educación infantil contribúe á economía dos fogares, cun aforro medio anual de entre 1500 e 2000 euros por neno e subliñou que na cidade de Santiago con esta medida benefícianse arredor de 1.750 pequenos.

Durante unha visita ás instalacións da escola infantil Rubido Romero incidiu en que Galicia é a primeira comunidade de España na que a educación infantil é 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social.

Trenor tamén incidiu en que esta iniciativa supón un orzamento anual por parte da Xunta de 55 millóns de euros para permitir un aforro importante ás familias de máis de 31.000 pequenos. O representante do Goberno galego aseverou que “este esforzo investidor non podía chegar nun momento máis necesario, no que os prezos volven subir e no que calquera aforro é moi importante para poder facer fronte aos gastos mensuais”.
 
O delegado da Xunta aseverou que o Executivo galego seguirá comprometido cos galegos porque o seu obxectivo é “que Galicia sexa o mellor lugar para ter unha familia”. Como proba disto a Xunta ten en marcha outras medidas para axudar a conciliar a vida laboral e familiar, como a Tarxeta Benvida, da que se levan beneficiado máis de 90.000 fogares; o Bono Coidado, que duplicou os seus beneficiarios ata superar os 1000, ou as 95 casas niño, que ofrecen 475 prazas de atención á infancia no rural totalmente de balde para os pais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023