A Xunta e a Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais avalían as medidas de seguridade implantadas na Cidade da Xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou o edificio xunto co xuíz decano Germán Serrano, o coronel xefe da Garda Civil Miguel Estévez e o inspector xefe da Policía Nacional Vicente Riveiros

Vigo, 11 de xaneiro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou a Cidade da Xustiza xunto cos responsables da Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais, o coronel xefe da Garda Civil Miguel Estévez e o inspector xefe da Policía Nacional Vicente Riveiros, así como co xuíz decano Germán Serrano, para avaliar as medidas de seguridade implantadas no edificio. No percorrido apuntáronse tamén as necesidades e previsións de persoal e de medios materiais, unha vez asinado o convenio co Ministerio do Interior en materia de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza en Galicia.

 

Ao abeiro do acordo, o Goberno galego destinará no período 2022-2025 seis millóns de euros, en anualidades de 1,5M€, para que efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado realicen labores de vixilancia e protección nas instalacións xudiciais. Esta prestación do servizo de vixilancia será desenvolvido por un máximo de 206 efectivos, 81 da Policía Nacional e 125 da Garda Civil. Deste total, prevese destinar á Cidade da Xustiza 13 policías nacionais e tres gardas civís. Trátase de persoal da Garda Civil en situación de reserva e da Policía Nacional en activo cun mínimo de 25 anos de servizo que realizarán o labor de xeito voluntario.

 

Desde a primeira sinatura en 2006 ata o pasado ano, a Xunta investiu na prestación do servizo de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza en Galicia preto de 22 millóns de euros no marco do acordo co Ministerio do Interior. Cómpre sinalar que o número de efectivos dedicados a este labor medrou desde os 52 do primeiro ano de colaboración ata os 206 establecidos xa en 2018.

 

A visita realizada hoxe forma parte do plan de comprobación do cumprimento do calendario de traslado dos xulgados, que se está a producir segundo o previsto. Así, a vindeira semana producirase o traslado dos dous restantes xulgados do penal, co que se ampliará o persoal de vixilancia no edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023