A Xunta concede 550.000 euros a Aspas para a creación de 90 prazas de atención diúrna e residencial en Santiago

Será financiada a través da nova orde para a creación ou remodelación de centros de titularidade social dotada con 13 millóns de euros e cuxa resolución saíu publicada nas últimas semanas no DOG

Estes fondos permitirán que Aspas amplíe a capacidade das súas instalacións nun 50%, o que lle facilitará achegar o seu labor a máis persoas e familias
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu 550.000 euros á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (Aspas) para a creación de 90 prazas de atención diúrna e residencial. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as novas instalacións da entidade en San Marcos que foron financiadas a través da nova orde para a creación ou remodelación de centros de titularidade social.

A conselleira concretou que foron dez as entidades beneficiarias desta convocatoria que está dotada con 13 millóns de euros e cuxa resolución saíu publicada nas últimas semanas no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, resaltou que con esta ampliación, Aspas elevará a capacidade das súas instalacións nun 50% o que lle permitirá achegar o seu importante labor a máis persoas e familias de Santiago e da súa contorna.

Fabiola García tamén puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa discapacidade tanto a través da colaboración co tecido social, como mediante a posta en marcha de iniciativas propias. Para iso, lembrou que o orzamento da Xunta nesta materia elevarase este ano nun 16% ata os 165 millóns de euros.

Axuda ao terceiro sector

Así mesmo, sinalou que a Xunta segue a incrementar o seu apoio ás entidades do terceiro sector coas axudas con cargo á casilla social do IRPF ou de axudas específicas para a súa viabilidade e a actualización salarial dos seus traballadores. As actuacións que se financiarán con esta novidosa orde poderán ser acometidas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de novembro de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2023