A Xunta recibe máis de 1.800 solicitudes para acreditar o recoñecemento da traxectoria profesional do persoal da Administración de Xustiza

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproba a relación de solicitudes estimadas sobre o recoñecemento extraordinario dos graos I e II

O próximo 2 de febreiro habilitarase unha nova solicitude para o grao II para os corpos de xestión e de medicina forense

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproba a relación de solicitudes estimadas relativas ao recoñecemento extraordinario do grao I e do grao II da traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia. En total, presentáronse 1.853 solicitudes -488 para o grao I e 1.365 para o grao II-, das que tan só 39 foron denegadas ao non terse acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos na convocatoria.

 

As persoas interesadas ás que non se lle atendeu a súa solicitude por non cumprir os requisitos establecidos dispoñen dun prazo dun mes para interpoñer recurso de reposición, ou recurso contencioso administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir de mañá.

 

Ademais, o próximo 2 de febreiro a Xunta habilitará unha nova solicitude para o grao II para os corpos de xestión e de medicina forense con efectos do 1 de xaneiro de 2023.

 

Cómpre lembrar que o pasado outubro se aprobou a implantación do recoñecemento da traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, que fora acordada previamente por unanimidade na mesa sectorial.

 

Deste xeito, regúlase o procedemento para a convocatoria do réxime extraordinario dos graos I e II dirixida a todo o persoal funcionario, tanto titular coma interino, e que lles suporá melloras nas anualidades e nas porcentaxes dos seus complementos retributivos.

 

A medida beneficia a 2.700 traballadores públicos dos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial.

 

Para acceder aos novos graos de recoñecemento profesional cómpre estar en situación de servizo activo na Administración de Xustiza en Galicia. Ademais, para o acceso ao grao I requírese contar cunha antigüidade de cinco anos ao remate de 2021. No caso do acceso ao grao II, a antigüidade requirida ascende aos 11 anos ao remate de 2021, para os corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial, e ao remate de 2022, para os corpos de médicos forenses e de xestión procesual e administrativa. Tamén será preciso cumprir cun dos criterios de avaliación fixados no acordo en función do grao. 

 

Os recoñecementos pactados supoñen incrementos salariais que suman case 11M€ de 2022 a 2025. Así, neste exercicio destínanse 1,4M€, o vindeiro ano, 2,6M€, en 2024, 3,3M€ e en 2025, preto de 3,6M€.

 

Con esta medida o Goberno galego mellora, a falta da regulación estatal da carreira profesional por Real Decreto, o acordado en 2020 que establecía o sistema de carreira profesional do persoal da Administración de Xustiza galega.

 

O obxectivo é seguir a avanzar no desenvolvemento da traxectoria profesional, co compromiso firme da Xunta con este persoal de corpos nacionais. Cómpre salientar que desde 2009 o cadro de persoal da Administración de Xustiza en Galicia medrou un 20%. Así, tras a aprobación de 57 novas prazas en 2022, este ano creáronse outras 24 prazas para dotar do persoal necesario os tres novos xulgados de Primeira Instancia postos en marcha na comunidade: o número 6 de Lugo, número 15 da Coruña e número 16 de Vigo.

Data de actualización: 10/01/2023