A Xunta publica a resolución pola que se levanta a prohibición do cultivo de pataca na totalidade do concello de Muxía

Desta forma, convértense en zonas tampón Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño
 

Mantense a prohibición nalgunhas parroquias dos concellos coruñeses de Arteixo, Cariño, Caión, A Laracha e Moeche, así como dos municipios lucenses de Burela e Trabada
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

  O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural sobre as medidas para a erradicación e control do organismo de corentena couza guatemalteca da pataca, consonte as últimas decisións da Comisión de seguimento desta praga, reunida o pasado día 22 de decembro de 2022. Así, mediante esta publicación, a Xunta levanta formalmente a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza que afecta este tubérculo.

Deste xeito, pasan a ser consideradas zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo- a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián), Ozón (San Martín) e a parroquia de Lendo (San Xián) no concello da Laracha, tamén na provincia da Coruña.
 
Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; A Pedra (Santa María) en Cariño; Caión (Santa María do Socorro) na Laracha e San Xurxo en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na totalidade do concello de Burela e na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo.
 
A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. Na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo están mostrando un avance significativo na súa contención.
 
No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. Prevese que esta praga poida erradicarse en Galicia nos vindeiros dous anos. Segundo a normativa fitosanitaria, para que unha zona infestada deixe de selo cómpre que non se detecte ningún individuo desta especie durante dous anos seguidos no seu territorio.
 
Enlace á resolución no DOG:
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2023