Os Puntos de Encontro Familiar da Xunta realizaron durante o 2022 preto de 18.000 intervencións

Máis de 2700 persoas utilizaron este servizo, incluíndo menores e os seus familiares

Grazas a este recurso gratuíto puideron facer efectivo o dereito de manter o contacto cos seus proxenitores pese a producirse rupturas de parella conflitivas

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023 Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) da Xunta de Galicia realizaron durante o 2022 preto de 18.000 intervencións. Así, atenderon a máis de 2700 persoas, entre nenos e adultos, que usaron este servizo gratuíto para facilitar e preservar a relación entre os menores e as persoas das súas familias cando se encontra nunha situación de crise.

 

Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente que ten por obxecto favorecer as relacións entre os menores e as súas familias cando, nunha situación de separación, divorcio ou noutros supostos de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas se ve interrompido ou resulta difícil ou conflitivo o seu cumprimento.

 

Esta cifra de intervencións supera nun 2% as realizadas no 2021. Nestes centros realízanse entregas e recollidas de menores, visitas tuteladas e supervisadas e tamén se levan acabo outras actuacións como programas psicoeducativos que procuran a orientación e asesoramento familiar para normalizar as situacións.

 

Así mesmo, teñen un carácter multidisciplinar e están integrados por expertos en intervención psicofamiliar, dereito de familia e mediación familiar. O servizo é gratuíto e está financiado ao 100% pola Xunta de Galicia,

 

Localización

O Goberno galego ten actualmente oito PEF repartidos por toda a comunidade. Sete deles encóntranse en cada unha das cidades galegas, o oitavo, que foi inaugurado no 2022 é o Punto de Encontro Familiar do Barbanza, emprazado en Ribeira. Así mesmo, o obxectivo da Xunta é chegar aos 14. Por agora, ademais dos citados, xa se anunciaron dous novos servizos, un na comarca da Mariña e outro na do Deza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2023