A Xunta achega 22.900 € á reforma do miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao, para lograr unha maior inmersión na paisaxe

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou a nova plataforma de madeira que engade unha altura de 5,10 metros sobre a estrutura orixinal

O Saviñao (Lugo), 05 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia impulsou a reforma do miradoiro do Cabo do Mundo, no municipio do Saviñao, para permitir unha maior inmersión na paisaxe deste punto icónico da Ribeira Sacra.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, Carlos Armesto, comprobaron o resultado da actuación, que consistiu na construción dunha plataforma de madeira que engade unha altura de 5,10 metros sobre a estrutura orixinal. A obra foi promovida polo Concello do Saviñao e a Consellería do Medio Rural achegou 22.900 euros, preto do 82% do financiamento total, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra Courel.

 

A nova construción, realizada en madeira laminada, favorece unha visión máis ampla e de maior calidade sobre o meandro do Miño, que é un dos elementos máis recoñecidos da zona. Ao seu carón, un panel informativo explica as rutas de sendeirismo, monumentos e outros puntos de interese que se poden visitar no concello.

 

O delegado territorial sinalou a importancia dos GDR no impulso de proxectos produtivos ou dinamizadores do territorio. Neste sentido, explicou que este miradoiro é un dos espazos que máis turismo atrae ao municipio.

 
En concreto, apuntou que os proxectos da medida Leader, cofinanciados cos fondos europeos Feader, teñen a vantaxe de estar pegados ás necesidades locais, porque son iniciativas que xorden dos concellos, entidades ou mesmo emprendedores e que se seleccionan nese mesmo ámbito local mediante un amplo proceso participativo que involucra a axentes privados e públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2023